O PSdeG leva ao Parlamento as queixas polo mal funcionamento do transporte por estrada en Bergantiños
A deputada Patricia Iglesias denuncia en Carballo que a comarca segue sen boas conexións nin coa Coruña nin con Santiago e reclama medidas urxentes á Xunta

Monbus

Carballo
O PSdeG-PSOE levará ao Parlamento galego as deficiencias do transporte público por estrada na comarca de Bergantiños. Así o anunciou a deputada socialista Patricia Iglesias Rey nunha rolda de prensa celebrada na Estación de Autobuses de Carballo, onde advertiu de que o servizo que depende da Xunta continúa sen garantir conexións axeitadas cos principais núcleos da contorna. A parlamentaria, natural de Carballo, considera que a situación responde a un problema estrutural na xestión autonómica do transporte.
Iglesias cualificou a estación carballesa como unha “infraestrutura fantasma”, ao tratarse dun espazo no que —segundo denunciou— resulta imposible obter información básica. Criticou que non exista atención telefónica operativa nin datos claros sobre horarios, especialmente nas conexións con Santiago. En canto á ruta cara á Coruña, explicou que o autobús procedente de Fisterra e Muxía das 8:00 horas chega con frecuencia completo á parada de Carballo, deixando pasaxeiros en terra. Segundo expuxo, estas persoas vense obrigadas a esperar unha segunda liña que non é directa e que prolonga a viaxe máis dunha hora, o que dificulta chegar a tempo a traballos, estudos ou citas médicas.
A deputada socialista acusa a Xunta de manter á comarca de Bergantiños nunha situación de desvantaxe, á súa xuízo impropia dun servizo público esencial e competencia exclusiva do Goberno galego. Considera que esta falta de conexións converte os usuarios da zona en “cidadáns de segunda categoría”. Ante este panorama, avanzou que formulará unha pregunta no Parlamento ao conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, para coñecer se o Executivo autonómico prevé adoptar algunha medida estrutural que mellore de forma efectiva o transporte por estrada en Bergantiños.




