La Ventana Metropolitana
Sociedad

O Festival de Cans pecha con gran éxito unha nova edición de Cinemaldea

A vindeira cita será do martes 19 ao sábado 23 de maio de 2026

Cinemaldea, Festival de Cans

O Festival de Cans pechou cunha gran acollida por parte do público unha nova edición do seu ciclo de cinema rural Cinemaldea, que levou as mellores curtametraxes polas parroquias do Concello do Porriño durante o mes de novembro.

Máis de 350 persoas asistiron ás proxeccións, demostrando o interese do público por achegarse ao cinema de autor máis alá dos circuítos habituais.

As sesións nos centros culturais de Orbenlle, Atios, Cans e A Forna de Budiño resultaron ser as máis multitudinarias, superando os 70 espectadores en cada espazo.

Debate e emoción no rural

Cinemaldea, un ciclo apoiado polo Concello do Porriño, busca levar o cinema a lugares sen acceso habitual a salas e dar visibilidade aos novos creadores. Un dos puntos fortes desta edición foron os encontros dos cineastas co público, que fomentaron o debate e a participación:

Diego R. Aballe, director de "Monstera" (Premio do Público), conversou cos asistentes na sesión de Atios.

Alicia Francés (Mellor Fotografía por "Curmán") participou no encontro co público na aldea de Cans.

Un momento especialmente emotivo tivo lugar nas sesións especiais de Orbenlle e A Forna de Budiño, onde se proxectou a curta documental "A Traxedia de Cans", sobre o impactante accidente de autobús de 1955. A conmemoración do 70º aniversario do suceso, que afectou a moitas familias de Budiño, desbordou as previsións de asistencia e estivo cargada de sentimento.

Aulas abertas

Como experiencia piloto, o Festival tamén realizou unha proxección no IES Ribeira do Louro de Torneiros, congregando a máis de medio cento de alumnas e alumnos. A presidenta da Asociación Arela, Keka Losada, conversou co estudantado, sentando as bases para un futuro ciclo de cinema nos centros educativos.

Coa ollada posta no futuro, o Festival de Cans anunciou as datas da súa XXIII edición: Do martes 19 ao sábado 23 de maio de 2026.