Dúas lendas do rock local pisan este domingo a Rebullón: Hey Hematoma e Foggy Mental Breakdown
Un evento irrepetible con dous titáns do noso rock nunha noite única: este domingo 7 de decembro ás 22:30 horas


Este domingo, a Sala Rebullón xunta sobre o escenario a algúns dos sospeitosos habituais do rock vigués e galego. Hey Hematoma e Foggy Mental Breakdown actúan este domingo 7 ás 22:30 horas, con entradas desde 12 euros en anticipada, 15 na billeteira, á venda na cantina do CSCD As Pedriñas e online.
Sen dúbida, o do domingo é un evento ineludible para os amantes do rock máis auténtico e con raíces na nosa terra, un encontro para gozar con temas que xa son historia da nosa música e facer vibrar á fibra máis nostálxica do público galego.
Ex de Siniestro
Creado o ano pasado, HEY HEMATOMA é o proxecto promovido por integrantes orixinais de Siniestro Total para manter vivo o legado do icónico grupo vigués. A banda foi impulsada por Miguel Costas, Javier Soto e Andrés Cunha, e completada con Alberto Cunha e Chus Dasilva, co obxectivo de recuperar a esencia do grupo orixinal e recuperar para o directo as cancións máis icónicas de Siniestro.
Na Rebullón seguramente soarán clásicos como “Bailaré sobre tu tumba”, “Miña terra galega”, “¿Quiénes somos? ¿De dónde venimos? ¿A dónde vamos?” o “Camino de la cama”, entre moitos outros, das mans e da voz de tres membros orixinais de “Siniestro”.
Hey Hematoma asegura ao seu público unha experiencia única en directo, un verdadeiro revival para os nostálxicos da “movida viguesa” e unha homenaxe inmellorable ao grupo máis influínte do punk-rock que xurdíu en todo o estado: Siniestro Total!
Foggy Mental
E para redondear a noite, o domingo tamén visita a Rebullón FOGGY MENTAL BREAKDOWN, outro nome que resoa con peso propio na escena rock local dos anos noventa. O grupo –que debe o seu nome á canción de Steppenwolf, a banda coñecida polo seu famosísimo “Born to be wild”– regresou o pasado ano aos escenarios con nomes ben coñecidos á batuta, como Eladio Santos ou Óscar Avendaño, entre moitos outros.
A nivel de estilo musical, Foggy Mental Breakdown aposta por un hard rock clásico con toques de garage e psicodelia, o que, xunto a composicións como “Melvin the Eater”, converteunos nunha das formacións estrela da época.
O ano pasado, os seus integrantes decidiron revivir esta banda icónica pola que pasaron tantos músicos que logo fixeron carreira na música, unha banda que ademais foi berce de moitos outros proxectos e que acolleu ao mellor do mellor da escena underground da área de Vigo.
En definitiva, unha noite de domingo moi festiva para animar a ponte de Decembro na Sala Rebullón, para gozar e honrar ao mellor rock galego dos noventa. Para que os que peitean canas revivan a banda sonora da súa mocidade e para que as novas xeracións coñezan e aprecien o camiño aberto polos precursores.
Ecoloxistas
Será o broche ás xornadas de Ecoloxistas en Acción que celebrará a súa Asemblea Confederal do 6 ao 8 de decembro en Vigo, por primeira vez en Galicia nos seus máis de 25 anos de existencia, con máis de 150 actividades arredor do eixo temático 'Ecoloxismo social para cambiar o mundo'.




