XEAL inicia a produción de ferrosilicocromo en Cee e avanza na diversificación industrial
A compañía moderniza un dos seus fornos para fabricar esta nova aliaxe e avanza cara a un modelo máis sostible coa futura planta de carbón vexetal en Dumbría


XEAL vén de poñer en marcha a fabricación de ferrosilicocromo na súa planta de Cee, un "fito histórico" para a empresa ao ampliar por primeira vez en máis de 120 anos a súa liña tradicional de ferroaliaxes. A nova produción, dirixida a sectores estratéxicos europeos e mercados internacionais, supón un avance na estratexia de diversificación da compañía. Para facelo posible, XEAL levou a cabo unha modernización integral dun dos fornos das instalacións, o que permitirá acadar ata 25.000 toneladas anuais desta aliaxe de alto valor engadido.
O proxecto implicou tamén a transformación completa da área de colada asociada ao forno para adaptala ás necesidades específicas do ferrosilicocromo. Segundo a empresa, a actuación realizouse nun tempo récord e reforza o seu portfolio nun contexto marcado pola competencia global e polos desafíos regulatorios. Con este paso, XEAL busca consolidarse como actor relevante nun mercado cada vez máis esixente e tecnicamente especializado.
A produción da nova aliaxe enmárcase na folla de ruta da compañía cara a un modelo industrial máis sostible e resiliente. Nesta liña sitúase tamén a futura planta de carbón vexetal que se construirá en Dumbría, cun investimento superior aos 28 millóns de euros. Esta instalación permitirá substituír entre un 15% e un 40% do carbón fósil por biomasa de orixe vexetal, reducindo arredor de 50.000 toneladas de CO₂ ao ano. “Representan a nosa aposta pola innovación, a sostibilidade e a resiliencia”, sinalou a CEO de XEAL, María Couto, quen destacou o papel dos equipos da empresa á hora de afrontar novos retos. Con estas iniciativas, XEAL sitúase como provedor estratéxico en Europa e reafirma o seu compromiso co desenvolvemento económico e cunha industria máis responsable.




