SER na escola volve ao colexio de Vilar de Barrio
O alumnado ofreceu as súas "meteo rimas", cantou panxoliñas e falou das actividades que leva a cabo

SER na escola CEIP Vilar de Barrio
El código iframe se ha copiado en el portapapeles
O Hoy por Hoy Ourense desprazouse este martes ata o CEIP Plurilingüe de Vilar de Barrio nunha nova entrega do programa SER na escola, co que Radio Ourense Cadena SER leva a radio en directo aos centros educativos da provincia. Como é habitual, o alumnado participou activamente no contido do programa, falando das moitas actividades que desenvolve o colexio. Tamén eles foron os encargados de poñer a nota musical a esta nova edición de SER na escola, interpretando varias panxoliñas.
Neste terceiro programa do curso 2025-2026 falamos co director do centro, Lorenzo Blanco, dos programas de inclusión educativa, convivencia e mellora do benestar emocional do alumnado, das iniciativas de potenciación da biblioteca ou do programa Meteoescola, a través do cal o colexio traballa para dispoñer dunha estación meteorolóxica. Paralelamente, están promovendo entre os escolares a elaboración de “meteo rimas” dedicadas á climatoloxía de cada mes do ano. Varios escolares recitaron neste SER na escola, algunha desas "meteo rimas", que compoñen eles mesmos coa axuda do profesorado.
Tamén asistía a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa da Xunta de Galicia, Judith Fernández, coa que abordabamos as liñas de traballo do seu departamento, especialmente no eido da innovación. De feito, a Consellería de Educación colabora con Radio Ourense para facer posible este SER na escola que por segunda vez dende o seu inicio no ano 2024, recalaba este martes neste concello da Limia.
Participaron tamén a mestra Laura Borrajo, coa que afondamos no programa da “Nutriescola”; Mónica Gil, mestra de inglés, coa que coñecemos a iniciativa de educación patrimonial “Mirando polo Camiño de Santiago”; e o profesor de apoio Xabi Saéz, que presta atención individualizada a alumnos con necesidades educativas especiais.
Entre os convidados estiveron, ademais, Martiño Vázquez, arqueólogo que dirixe os traballos de escavación do castelo de San Xoán de Bara, en Vilar de Barrio; Toni Vázquez, técnico da oficina de turismo e guía turístico; Clemente Castro, cociñeiro do centro dende hai preto de 20 anos, e Samuel Formoso, gandeiro propietario dunha granxa con preto de 150 cabezas de vaca rubia galega.




