O Colexio da Procura de Vigo modernízase para reflectir mellor a realidade da súa profesión
O colectivo deixou atrás o nome de "Ilustre Colegio de Procuradores de Vigo", sendo o primeiro dos 67 de España
Colexio da Procura en Vigo
O Colexio da Procura de Vigo fixo historia esta semana ao converterse no primeiro dos 67 colexios de procuradores de España en adaptar a súa denominación oficial á linguaxe inclusiva.
Nunha aposta decidida pola modernización e a igualdade, o colectivo decidiu deixar atrás o nome de "Ilustre Colegio de Procuradores de Vigo" para dar paso a unha identidade que reflicte mellor a realidade actual da profesión.
Un referendo sen precedentes
A nova imaxe corporativa foi o resultado dun proceso inédito en España: unha votación aberta e telemática na que participaron todas as procuradoras e procuradores do partido xudicial. O proceso, que comezou hai mes e medio, culminou coa ratificación oficial por unha ampla maioría na xunta xeral celebrada este mércores.
Identidade gráfica nova do Colexio da Procura de Vigo
A opción gañadora impúxose co 63% dos votos. O novo deseño destaca pola nova denominación oficial, Colexio da Procura de Vigo, e por unha evolución do logotipo que mantén os elementos simbólicos tradicionais como a balanza, a coroa e as cores orixinais, pero cunha estética moderna adaptada aos novos tempos e aos tons azul e verde da súa web.
A igualdade como piar fundamental
Esta mudanza non é só estética. O decano do colexio, José Antonio Fandiño, destacou que "a igualdade como piar fundamental é de xustiza" e que os colexios profesionais deben avanzar conforme aos tempos actuais.
A realidade demográfica do sector avala esta decisión, na actualidade, 7 de cada 10 profesionais da procura viguesa son mulleres. A Xunta de Goberno está composta por 11 persoas, das cales 9 son procuradoras. O colexio integra a un total de 127 profesionais exercentes.
Con este paso, o Colexio da Procura de Vigo substitúe un logotipo que permanecera invariable durante 75 anos e que presentaba dificultades para adaptarse ás canles dixitais actuais.