“Será un circuíto pechado que non precisa captar auga dunha canle natural, reducindo así o impacto ambiental”
Víctor Huerta defende o proxecto da central reversible de Montemaior como unha iniciativa respectuosa co entorno, xeradora de emprego local e positiva para a economía do municipio
Entrevista a Víctor Huerta de Gnera Energía
A empresa Gnera Enerxía, axente do mercado eléctrico, proxecta a construción dunha central hidroeléctrica reversible no concello da Laracha. Baixo a denominación de CHR Montemaior, o proxecto contempla en realidade dúas instalacións cunha potencia de 50 megavatios cada unha.
O investimento previsto rolda os 150 millóns de euros, dos que preto de 40 millóns procederán dunha axuda europea canalizada a través do Ministerio para a Transición Ecolóxica.
O funcionamento da central baséase nun sistema sinxelo: dúas balsas situadas a diferentes alturas e conectadas entre si permitirán bombear a auga nos momentos nos que o prezo da electricidade é máis baixo, para posteriormente xerar enerxía nos picos de consumo. Trátase dun sistema de almacenamento en circuíto pechado, polo que non será necesaria a captación de auga dunha canle natural.
Desde Waqbaw, empresa do grupo Gnera, o director de desenvolvemento de negocio, Víctor Huerta, explica que a instalación funcionará como “unha batería de auga”, fundamental para achegar estabilidade á rede eléctrica e evitar situacións como as que provocaron o apagamento rexistrado no pasado mes de abril.
No eido laboral, teñen o compromiso de xerar 35 empregos de forma permante, priorizando a contratacion de traballadores locais, dez deles procederán da extinta central térmica de Meirama, contribuíndo á mellora social e laboral do municipio, Segundo comente Huerta. Ademais, a empresa afirma ter asinados acordos cos concellos da Laracha e Cerceda para o desenvolvemento de iniciativas sociais e proxectos de autoconsumo.
En resposta ás preocupacións expresadas por distintos sectores ante o descoñecemento do proxecto e das súas posibles consecuencias, Víctor Huerta confirma que a iniciativa será presentada aos veciños. O directivo da empresa enerxética defende que se trata dun proxecto respectuoso coa Rede Natura, que mantén a distancia coas vivendas e que a liña de evacuación da enerxía aproveitará un corredor xa existente, co obxectivo de minimizar o impacto ambiental.
Gnera Enerxía dispón dun prazo de 36 meses para obter todas as licenzas necesarias que lle permitan acceder aos case 40 millóns de euros da subvención europea.