A Guarda convértese nunha pista de circo coa chegada de Peter Punk o vindeiro 3 de xaneiro
O pallaso desenvolverá un obradoiro para nenas e nenos e a representación do espectáculo "Chungo ke te cagas"

Cartel de Peter Punk

O vindeiro sábado 3 de xaneiro, o recoñecido pallaso Peter Punk desembarcará na Guarda para impartir os seus coñecementos circenses e ofrecer unha función cargada de irreverencia e risas.
A xornada arrincará ás 11:00 horas cun obradoiro de circo que se estenderá ata as 13:00 horas. Nesta actividade, pensada para nenos e nenas a partir dos 5 anos, os participantes poderán iniciarse en disciplinas fundamentais do mundo do espectáculo:
Globoflexia: creación de figuras con globos.
Malabares: técnicas básicas de lanzamento e captura.
Artiluxios de circo: exploración de diferentes obxectos e ferramentas profesionais.
Dada a limitación de prazas, os interesados en participar deben realizar unha inscrición previa enviando un correo electrónico ao enderezo cultura@aguarda.es.
Tarde de gargalladas na rúa
O prato forte chegará pola tarde, ás 17:30 horas, coa representación do espectáculo “Chungo ke te cagas” na praza Avelino Vicente. Esta peza ten un valor especial na traxectoria do artista, xa que foi o primeiro show co que Peter Punk iniciou a súa andaina profesional.
O público poderá gozar dunha actuación onde a destreza física mestúrase co humor máis canalla. A través dos elementos que irán saíndo da súa inseparable maleta, o pallaso mostrará a súa personalidade divertida e auténtica, asegurando o entretemento tanto para os cativos como para os adultos.
Axenda da xornada (3 de xaneiro):
11:00 - 13:00h: Obradoiro de circo (Inscrición en cultura@aguarda.es).
17:30h: Espectáculo "Chungo ke te cagas" na Praza Avelino Vicente




