Vivindo A Costa da Morte
Sociedad

“Queremos que saiban que non están sós, que isto poderíalle pasar a calquera comisión”

A iniciativa solidaria impulsada dende Carnota para apoiar á comisión de Villamanín xa suma o respaldo doutras comisións e chama a atención dos medios estatais

O problema xurdido en Villamanín está a provocar unha onda de solidariedade fóra da vila / J.Casares (EFE)

Carnota

A comisión de festas de San Mamede de Carnota puxo en marcha unha iniciativa solidaria para apoiar á comisión de Villamanín (León), que atravesa unha situación crítica tras vender máis participacións da Lotería de Nadal das que tiña dispoñibles e resultar agraciada co Gordo. O erro obrígaos agora a facer fronte a un pagamento de arredor de catro millóns de euros, unha cifra inasumible para unha entidade veciñal.

Felipe Capelo, membro da comisión de San Mamede, explica que se senten plenamente identificados co acontecido. “Isto pode pasarlle a calquera comisión de festas”, asegura. A venda de lotaría faise de maneira voluntaria, no tempo libre e sen estrutura profesional, o que facilita que poidan producirse erros de control. “Se non tocara o Gordo, sería unha anécdota; tocando, convértese nun problema enorme”, resume.

Dende Carnota tamén critican a reacción dalgúns sectores contra a comisión leonesa. Felipe defende que debería primar a comprensión por parte dos veciños agraciados. “Pasar de non ter nada a recibir 70 ou 75 mil euros segue sendo unha gran sorte. O lóxico sería dar as grazas a quen trouxo o premio, non criminalizalos”, apunta.

A iniciativa solidaria lanzada desde San Mamede está a ter unha resposta moi positiva. Varias comisións de festas da comarca e doutros puntos de Galicia xa se puxeron en contacto para amosar o seu apoio e estudar achegas económicas. A proposta tamén se está difundindo fóra da comunidade galega, numerosos medios estatais interesáronse pola idea xurdida en Carnota, os membros da comisión están atendendo as entrevistas dende que onte deron a coñecer a súa iniciativa en radio Nordés

O obxectivo, segundo explican desde a asociación carnotá, non é só recadar fondos, senón transmitir unha mensaxe clara de apoio humano. “Sabemos que é case imposible xuntar os millóns que faltan, pero é fundamental que saiban que non están sós e que isto nos podería pasar a todos”, conclúe Felipe.