Redondela prepara unha Cabalgata de Reis máxica, inclusiva e “de conto”
O Concello deseñou un evento pensado para que toda a infancia, sen excepcións, poida gozar da ilusión desta xornada

Cabalgata inclusiva en Redondela

Os Reis Magos de Oriente non faltarán á súa tradicional cita en Redondela este luns, 5 de xaneiro, cunha comitiva que contará con seis carrozas. A saída está prevista para as 18.00 horas desde a praza de Ponteareas para percorrer as rúas do centro da vila.
Segundo explicou a alcaldesa, Digna Rivas, trátase dunha iniciativa que busca ser espectacular e inclusiva, garantindo que toda a infancia poida gozar desta xornada de ilusión. As carrozas estarán ambientadas en contos infantís, de xeito que Melchor, Gaspar e Baltasar estarán acompañados de personaxes como Alicia no País das Marabillas, o Crebanoces, Cincenta ou a Coca Simona, entre outros.
Caramelos sen glute e rondallas
A comitiva deste ano presenta novidades importantes, como o feito de que a Rondalla de Ventosela será a encargada de abrir o desfile por primeira vez. Ao longo do percorrido repartirase máis dunha tonelada de caramelos sen glute e sen alérxenos, co obxectivo de que ningún neno ou nena quede sen gozar dos doces por motivos de saúde.
Tras a Cabalgata, as Súas Maxestades recibirán aos pequenos na Casa do Concello, un acto que contará cun intérprete de Lingua de Signos para facelo totalmente accesible.
Desfile inclusivo
O Concello de Redondela puxo un interese especial en que o evento sexa inclusivo e libre de barreiras. Por este motivo, o primeiro tramo do desfile, na rúa Pai Crespo, será totalmente libre de ruídos, sen música nin megafonía, para que as persoas con TEA ou sensibilidade auditiva poidan gozar da experiencia sen contaminación acústica.
Así mesmo, habilitarase unha zona accesible reservada para persoas con mobilidade reducida a carón do Concello e poranse a disposición do público tapóns de silicona para os oídos.
A parroquia de Chapela tamén celebrará a súa propia Cabalgata ás 18.00 horas, cun percorrido que sairá desde o Alto da Encarnación ata as Catro Pontes, regresando despois ao Círculo Recreativo para a recepción oficial.
A programación festiva estenderase ata o martes, día de Reis, cando Redondela espertará ao ritmo das agrupacións tradicionais. A partir das 10.00 horas, o centro da vila acollerá as actuacións da Rondalla de Ventosela e varios Ranchos de Reis, que encherán as rúas de música e baile durante o día grande de feira.




