Pontevedra pecha o Ano Castelao co descubrimento dunha placa que recorda ao intelectual que “escolleu ser pontevedrés”
A placa colocouse na vivenda sita na Praza de España onde viviu Alfonso Daniel ca súa dona Virxinia Pereira


O Ano Castelao remata en Pontevedra non como un punto e final ou un punto e aparte, senón como un punto e seguido a todo ese legado político, cultural e social que o intelectual de Rianxo deixou ao longo dunha vida chea de actividade. Logo dun 2025 cargado de propostas públicas relacionadas coa súa vida e a súa obra —musicais, teatrais, de lectura…—, a cidade de Pontevedra conta desde hoxe cunha placa pública que lembrará a súa pegada nesta vila, unha cidade da que Castelao sempre quixo formar parte e na que sempre quixo levar o xentilicio de pontevedrés.
A placa, situada no número 1 da Praza de España, recolle o seguinte texto: «Nesta casa viviron Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e Virxinia Pereira». Na parte superior aparece a recoñecíbel sinatura do intelectual galeguista, ao carón dunha caricatura de si mesmo. O acto contou coa participación de cinco representantes do alumnado pontevedrés, Fiama Del Canto Sogo, IES Valle-Inclán; Francisco Kabila González, IES Valle-Inclán; Natasha Andra Rios Ciorba. IES Frei Martín Sarmiento; Fiz Bello Alonso, IES Frei Martín Sarmiento; e Carla Bouzas Pérez, IES Xunqueira II (que colaborou na preparación dos textos, mais non interveu). Tamén ofreceron palabras para todas as presentes o edil de Cultura, Demetrio Gómez; a presidenta do Consello de Cultura Galega, Rosario Álvarez; e a alcaldesa accidental, Eva Vilaverde. «Castelao non foi un visitante circunstancial nesta cidade.
Pontevedra foi para el un espazo querido, un fogar intelectual e político, un lugar desde o que mirar o país con máis claridade. Aquí deixou pegada persoal, pero tamén deixou algo máis fondo: contribuíu a facer de Pontevedra unha cidade central nun tempo de grande esplendor cultural e político para Galiza», indicou Vilaverde. «Que esta placa non sexa só unha lembranza do pasado. Que sexa tamén un compromiso co presente e co futuro. Porque mentres haxa quen cre que outro mundo é posible, mentres haxa quen defenda a dignidade, a igualdade e a liberdade dos pobos, Castelao seguirá vivindo, tamén aquí, en Pontevedra».




