Falece Mabel Montes, xornalista da TVG e da Radio Galega
Fondo pesar en toda a bisbarra e no xornalismo galego


Zas
A Zasense tiña 50 anos e formaba parte da redacción de informativos de RTVG dende 1997. Dende o ente público lamentaban esta mañán o falecemento, asegurando que deixa unha pegada fonda no Galicia Noticias e nos distintos telexornais, sempre cunha mirada propia, precisa e esixente. Dende 2012 formou parte do equipo de O tempo, onde a súa ausencia deixa un fondo baleiro.
Destacou sempre pola súa proximidade, o coidado pola lingua e un xeito de traballar minucioso e rigoroso e a súa ausencia tamén se sente con forza na Radio Galega, onde desenvolveu os últimos anos da súa carreira profesional. Así o indican dende o medio público, engadindo que “hoxe despedimos unha xornalista referente, unha compañeira e unha grande amiga”. A través das súas redes sociais loitou pola pluralidade nos medios públicos de Galicia, denunciando a manipulación informativa e participando nas mobilizacións dos “Venres Negros” do colectivo Defende a Galega.
Nos últimos anos implicouse intensamente na organización dos Premios Fouciño en Baio.




