Selecciona tu emisora

Ir a la emisora
PerfilDesconecta
Buscar noticias o podcast

O MELGA remata 2025 cunha caída superior ao 60% no número de visitantes nun ano condicionado por peches prolongados

O Museo Etnolúdico de Galicia, en Ponteceso, rexistrou pouco máis de 3.000 visitas nun ano marcado pola falta de persoal e problemas de saúde do seu director, pero cunha intensa actividade exterior e  numerosas incorporacións ao seu fondo

O Museo Etnolúdico de Galicia (MELGA) e a Fundación Ricardo Pérez y Verdes veñen de pechar o ano 2025 cun balance marcado polas dificultades estruturais e humanas, pero tamén pola continuidade do proxecto museístico e polo apoio dun público fiel, segundo recolle o seu informe anual. O exercicio coincidiu co XII aniversario do museo, inaugurado o 27 de setembro de 2013, aínda que a efeméride non puido celebrarse como merecía debido a un ano especialmente complexo, condicionado pola falta de persoal e pola intervención cirúrxica e posterior rehabilitación do seu director e fundador, Ricardo Pérez y Verdes, que mantivo o museo pechado durante case seis meses.

O ano estivo dividido en catro etapas claramente diferenciadas. Na primeira, entre xaneiro e maio, o museo funcionou con horarios moi limitados e sen visitas guiadas, o que reduciu notablemente a asistencia. Nese período rexistráronse oito grupos organizados, cun total de 320 persoas, e 53 visitantes por libre durante o Entroido. A pesar das dificultades, o MELGA mantivo presenza activa en actividades culturais, festivais e colaboracións con outras institucións, ademais de incorporar máis de 50 novas pezas aos seus fondos, destacando unha dobre randeeira de bonecas de madeira fabricada en Alemaña nos anos 20 do século pasado.

A segunda etapa, de maio a xuño, marcou a recuperación parcial das visitas guiadas coa reincorporación do director, aínda que o museo seguiu pechado entre semana para o público xeral. En só dous meses recibiron 29 grupos, na súa maioría centros educativos da provincia da Coruña, cun total de 1.362 visitantes, aos que se sumaron 319 persoas en visitas familiares durante festivos como Semana Santa ou o Día das Letras Galegas. Foi tamén un período de intensa actividade exterior, con festivais de xogos tradicionais que reuniron arredor de 700 persoas e unha notable presenza nos medios de comunicación autonómicos e estatais.

Durante o verán, entre xullo e setembro, o museo mantivo o modelo de apertura só en fins de semana e festivos, con visitas guiadas para grupos de máis de 15 persoas. Nesa terceira etapa contabilizáronse nove sesións guiadas con 360 participantes e 211 visitantes por libre, procedentes de Galicia, doutras comunidades españolas e de países como Francia, Reino Unido, Suíza ou Alemaña. O MELGA participou ademais en festivais, feiras e encontros culturais que superaron as 2.000 persoas asistentes e incorporou 78 novas pezas ao seu fondo, entre adquisicións e doazóns. O 1 de setembro produciuse o peche total do museo para visitas libres, ao non poder renovarse o contrato da técnica colaboradora por falta de recursos económicos.

Na última etapa do ano, entre outubro e decembro, o museo permaneceu pechado ao público xeral e só acolleu visitas guiadas con cita previa. Recibíronse 14 grupos, todos de Galicia, cun total de 560 persoas. O ano pechouse cun balance global de 3.185 visitantes, fronte aos 6.523 de 2024, o que supón un descenso superior ao 60 %. A pesar diso, o MELGA realizou 87 actividades ao longo do ano, participou en catro encontros internacionais, recibiu o distintivo SICTED pola calidade turística e sumou 167 novas pezas aos seus fondos. Desde a Fundación confían en que 2026 traia a estabilidade necesaria para garantir a continuidade e sustentabilidade dun proxecto que, malia todo, segue vivo grazas ao esforzo e á dedicación do seu equipo.

 

Directo

  • Cadena SER

  •  
Últimos programas

Estas escuchando

Hora 14
Crónica 24/7

1x24: Ser o no Ser

23/08/2024 - 01:38:13

Ir al podcast

Noticias en 3′

  •  
Noticias en 3′
Últimos programas

Otros episodios

Cualquier tiempo pasado fue anterior

Tu audio se ha acabado.
Te redirigiremos al directo.

5 "

Compartir