“O recoñecemento é unha satisfacción moi grande, pero chegou tarde para miña nai”
Argimiro Esperante, fillo de Che de Pedro, lembra a morte do seu pai, o sufrimento do resto de afectados e a tardanza do recoñecemento oficial como vítima do franquismo
Entrevista a Argimiro Esperante (23/01/2026)
O lugar de Eirón, Mazaricos, acollerá este sábado 24 a V edición do Día da Loita da Veciñanza Comuneira na Defensa do Monte Veciñal, organizado polo Instituto Galego de Terras Comunitarias (INGATECO) e que este ano terá un significado especial tras o recoñecemento oficial de José Esperante París "Che de Pedro" como vítima do franquismo por parte do Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática.
O acto servirá para lembrar a defensa das terras veciñais que labregos e labregas de toda Galicia realizaron durante o franquismo, e especialmente o sucedido o 22 de xaneiro de 1963 en Eirón, cando Che de Pedro foi asasinado por disparos da Garda Civil, e Andrés Alvite Santos e Marcelino Esperante Antelo resultaron feridos graves ao defender o monte veciñal fronte á incautación para repoboación forestal.
Argimiro Esperante, fillo de Che de Pedro, estivo esta mañá no programa Vivindo a Costa da Morte de Radio Nordés, puxo voz á memoria e á dor familiar. Tiña só sete anos cando o seu pai resultou ferido de morte, “Eu estaba na escola, dixéronnos que houbera tiros no monte, fun correndo e vin a meu pai no chan envolto nun manoxo de toxos” lembra, asegurando que esa imaxe quedou gravada para sempre.
Esperante falou das consecuencias que aquel feito tivo para a súa nai e para os seus irmáns. Tras a morte do pai eles foron enviados a distintos colexios internos. “Miña nai quedou soa, viúva, cunha pensión, pero sen axuda real”. Nós estabamos separados e víamonos moi poucas veces”, explicou. A dureza daquela etapa marcou a súa infancia: “Como nenos comiamos e estudabamos, pero o sufrimento de miña nai foi moito maior”.
Argimiro Esperante tamén destacou a longa tardanza no recoñecemento oficial do seu pai como vítima do franquismo, que non chegou ata hai uns meses. “É unha satisfacción moi grande, pero tamén unha mágoa profunda, porque este recoñecemento non chegou cando miña nai estaba viva”, afirmou. O proceso, segundo contou, foi complexo e longo, con anos de xestións e busca de documentación. “Houbo que loitar moito para demostrar algo que sempre soubemos”, sinalou.
Aínda así, asegura non gardar rencor. “O rencor non serve para nada, pero a dor segue aí”, confesou. Para el, actos como o que se celebra en Mazaricos son unha forma de dignificar a memoria non só do seu pai, senón de todas as persoas represaliadas. “Que se lembre o que pasou é unha axuda emocional e unha maneira de facer xustiza, aínda que chegue tarde”.
Programa de actos
•11:00 horas - Local Social de Eirón: Recepción de asistentes
•11:10 horas - Intervencións de INGATECO, alcalde de Mazaricos e ORGACCMM•11:20 horas - Charla-coloquio a cargo do doutor en Historia Eduardo Rico Boquete (USC) sobre "Repoboacións forestais e conflictividade social na ditadura franquista"
•12:10 horas - Café•13:00 horas - Braña da Gatiñeira: Lembranza das persoas represaliadas no franquismo diante do monumento a Che de Pedro
•13:45 horas - Ofrenda floral con interpretación do Himno Galego pola artista mazaricana Yas Deluaces
•14:30 horas – Xantar de confraternidade en Casa Pego (Antes - Mazaricos)