A portavoz nacional do BNG Ana Pontón subliña as solucións innovadoras postas en marcha polo goberno de Lores en Pontevedra
Un dos piares da xestión do goberno municipal do BNG é a confianza nas posibilidades que ten a cidade


A portavoz nacional, Ana Pontón, destacou en Pontevedra a creatividade e a innovación na xestión do goberno municipal liderado por Miguel Anxo Fernández Lores que fan da cidade unha referencia e un exemplo do modelo do BNG cando asume responsabilidades de goberno.
Ademais da aplicación permanente de solucións creativas e innovadoras, Pontón destacou precisamente como un dos piares da xestión do goberno municipal do BNG a confianza nas posibilidades que ten a cidade “Se algo nos demostra o goberno de Lores en Pontevedra é que confiando en todo o potencial que había aquí, somos capaces de conseguir cousas que moitos crían que eran imposibles”, explicou.
Por iso, considerou que o de Pontevedra “é un magnífico exemplo” da maneira de actuar que ten o Bloque cando asume responsabilidades de goberno: “Sempre avanzando, sempre mirando para o futuro, para conseguir que esta cidade avance e progrese”.
A líder nacionalista exemplificou a creatividade e a innovación na xestión do equipo de Lores, primeiro, no proxecto de promoción da cidade, buscando nichos propios a través da celebración de eventos ou da proxección internacional a través de canles propias.
En segundo lugar, destacou o modelo urbano desenvolvido polo equipo de Lores, un modelo admirado en todo o mundo e que conta co recoñecemento de organismos como ONU Hábitat, o Banco Mundial ou entidades tanto en Europa, como en China ou Estados Unidos.
Pontón tamén apuntou á mobilidade urbana como outro dos ámbitos que exemplifican a aplicación de solucións creativas e innovadoras, un modelo de mobilidade que é replicar no Estado e en Europa e que conta ademais cuns índices de seguridade viaria recoñecidos tanto pola DXT como pola UE.
Por último, puxo en valor as medidas encamiñadas á protección ambiental, como as aplicadas na xestión integral do ciclo da auga ou o sistema de xestión de residuos, tamén recoñecido a nivel europeo e no que a compostaxe comunitaria funciona “de maneira óptima”.
“O goberno de Pontevedra é un exemplo de como apostando pola creatividade e a innovación somos capaces de transformar en positivo esta cidade, convertela nun referente internacional e, o máis importante, facer que Pontevedra sexa cada vez un lugar onde se vive mellor”, concluíu.

Ramón Mella
(Pontevedra, 1973) Locutor, redactor y jefe de informativos y deportes en Radio Pontevedra. Máster en...




