“Temos uns vinte caldeiros recollendo pingueiras repartidos por todo o instituto”
Dende o IES Eduardo Pondal de Ponteceso e o IES Fernando Blanco de Cee denuncian pingueiras, filtracións, desprendementos e riscos para a seguridade de alumnado e persoal dos centros
El código iframe se ha copiado en el portapapeles
Profesorado denuncia deficiencias nos institutos (30/01/2026)
Unha serie de protestas impulsadas por varios sindicatos para denunciar a situación do ensino público. No centro pontecesán, as reivindicacións céntranse especialmente no estado das infraestruturas, tras os danos provocados polos fortes ventos dos últimos días. Parte das planchas de policarbonato do tellado saíron voando, afectando tamén ao pavillón deportivo e a outras zonas do recinto escolar.
A directora do centro, Clara Regueira, explica que “co forte vento marchou parte do lucernario, que está sobre o corredor”, detallando que tres planchas foron arrincadas polo aire. Unha delas chegou a pasar por riba do pavillón e outras quedaron espalladas polo patio. “Unha situación de urxencia, porque había planchas soltas e policarbonato roto que corta moitísimo”, sinalou. As reparacións máis inmediatas realizáronse entre o martes e o mércores seguintes, tras unha inspección técnica.
Con todo, desde a dirección do instituto advirten de que os problemas estruturais veñen de lonxe. Regueira lembra que o tellado de uralita leva décadas sen ser substituído e que as pingueiras son constantes: “Temos uns vinte caldeiros repartidos por todo o instituto”. Actualmente hai aulas pechadas, como a de debuxo, e baños fóra de uso. “O proxecto está redactado, pero non está licitado”, afirmou, denunciando unha falta de mantemento continuado e unha resposta “moi reactiva” por parte da administración.


Un escenario semellante vive o Instituto Fernando Blanco, que este ano celebra o seu 140 aniversario. O profesor Paulo Calvo cualificou a situación de “moi preocupante” e asegurou que “se cruzou unha liña vermella, hai un risco grave para a saúde do alumnado, do profesorado e do persoal do centro”. As filtracións de auga afectan a múltiples espazos, con aulas clausuradas e caldeiros para as pingueiras repartidos polo edificio, ademais de danos no material escolar e bibliográfico. Calvo advertiu tamén de problemas graves no sistema eléctrico, especialmente nos ciclos formativos da rama de electricidade. “Hai risco de descarga eléctrica grave”, afirmou, explicando que saltan con frecuencia os diferenciais e que o profesorado traballa “con medo” a que se produza un accidente. A situación é de tal gravidade que se ven obrigados a derivar cartos correspondente aos departamentos didácticos para a realización de pequenas obras puntuais.
Calvo tamén denuncia deficiencias na seguridade viaria na entrada do centro, sen que se tomen medidas de calmado do tráfico. Segundo indicou, levan anos trasladando informes e documentación á administración comunicando o perigo que supón cruzar a rúa diante do instituto "tivemos un atropelo non hai moito, por sorte con pouca consecuencia", sen recibir respostas nin prazos concretos para tomar unha solución. Anuncian que continuarán coas mobilizacións co apoio das familias, ao considerar que a situación xa superou todos os límites aceptables.
Os problemas pola falta de mantemento non son exclusivos destes dous centros escolares, nos últimos días dende os colexios de primaria do concello de Zas tamén reclaman a necesidade de reformas integrais.




