David Llorente: "Mentres dure o bloqueo non imos autorizar cortes de tráfico para o Entroido"
O xefe provincial de Tráfico pronunciouse sobre a tractorada na A-52 á altura de Xinzo

David Llorente, xefe provincial de Tráfico
El código iframe se ha copiado en el portapapeles
O xefe provincial de Tráfico, David Llorente, anunciaba hoxe no magazine de Radio Limia Cadena SER que o seu departamento non vai autorizar cortes de estradas para a celebración de desfiles de Entroido en Xinzo de Limia mentres dure o bloqueo da A-52 á altura deste municipio ao non poder garantir a seguridade. Llorente lembraba que este corte está xerando un tráfico adicional duns 4.000 vehículos ao día "que agora circulan por Xinzo e que antes non circulaban ao ir pola autovía".
Llorente valoraba tamén a situación vivida este luns día 2, cando agricultores e gandeiros impedían tamén o paso pola N-525 á altura de Abavides: "Foi unha situación que nós lle chamamos en tráfico de nivel negro, bloqueo total; se se volve cortar a N-525 volvería haber un bloqueo de condutores atrapados porque non hai por onde facer outro desvío para vehículos pesados".




