O Concello de Cee impulsa o futuro centro de día coa reforma da antiga escola de música
O goberno local pon en mans dun avogado a situación do centro comercial ante a imposibilidade de contactar co xerente
El código iframe se ha copiado en el portapapeles
Pleno Aberto coa alcaldesa de Cee Margot Lamela (04/02/2026)
A alcaldesa de Cee, Margot Lamela, estivo no Pleno Aberto de Radio Nordés. No espazo do programa Vivindo a Costa da Morte a rexedora abordou diferentes asuntos da actualidade municipal.
Lamela anunciou que o Concello avanza no proxecto para dotar ao municipio dun centro de día no edificio da antiga escola de música. Detallou que a actuación arrancará coa reforma da cuberta e das fachadas do inmoble, incluída no POS complementario. Trátase, segundo indicou, da “primeira fase do que será o futuro centro de día”.
A alcaldesa sinalou que o obxectivo inmediato é executar estas obras iniciais e, de maneira paralela, redactar o proxecto completo do centro ao longo deste mesmo ano. “Imos arranxar cuberta e fachada para iniciar este ano a redacción do proxecto e, de cara ao ano que vén, iniciar as obras do centro de día”, explicou Lamela, quen subliñou a importancia de avanzar con seguridade e planificación, despexando posibles dúbidas sobre a posta en marcha dunha infraestrutura que poderá dar servizo a 40 usuarios. Engadiu que existen asociacións de utilidade pública interesadas na prestación deste servizo no municipio
Neste contexto, a alcaldesa lembrou o esforzo orzamentario realizado polo Concello en servizos sociais, cun investimento que chega ao millón de euros anual. “Cando cheguei á alcaldía había 170.000 euros destinados a servizos sociais e agora estamos nun millón”, indicou.
A alcaldesa de Cee abordou outros asuntos da actualidade municipal. Respecto ás obras e investimentos, a rexedora cifrou en máis de 7 millóns de euros o investimento realizado desde 2023, detallou actuacións xa en execución, como as obras no complexo deportivo do estadio municipal de San Paio de Refoxos, pavimentacións en distintas rúas e parroquias, ou o miradoiro do Son. Tamén anunciou actuacións que se iniciarán en breve, como a remodelación da praza de Lires ou obras de abastecemento e saneamento, ademais das previstas no POS 2026, que inclúen melloras viarias e actuacións en saneamento en diferentes zonas do concello.
A entrevista tamén abordou outros proxectos estratéxicos, como a unión do paseo de Cee con Corcubión, para a que o Concello xa entregou os terreos a costas, á espera de que se complete o proceso para iniciar a licitación. Lamela referiuse igualmente á situación do parque empresarial, que conta con 36 parcelas, das cales 23 están vendidas, ao funcionamento do mercado municipal e do centro comercial, sobre o que recoñeceu unha situación “moi complexa e practicamente bloqueada pola falta de comunicación coa xerencia”. Explicou que o Concello ten arredor dun 40% da propiedade e que está asumindo un elevado custo en gastos de comunidade, preto de 200.000 euros anuais, dos cales uns 79.000 corresponden ao estacionamento. Segundo indicou, estas cantidades están a ser pagadas polo Concello, pero “non se nos dan as contas” nin se detalla con claridade en que se empregan eses cartos, ao non convocarse reunións nin facilitar información. A alcaldesa asegurou que o Concello non mantén débedas coa comunidade. Avanzou que puxo o asunto en mans dun avogado ao considerar a situación “insostible” e sen vías de solución.
Margot Lamela contestou tamén as preguntas realizadas dende oposición sobre a RPT ou os 15.000€ gastados nun programa de radio online. Tamén falou da situación da vivenda, do turismo, a calidade das augas nas praias etc.




