Política

As festas de Muxía enfrontan ao goberno coa oposición e evidencia diferenzas dentro da propia coalición

O alcalde pon en dúbida que o concello poda organizar directamente a Romaría da Barca e cuestiona as contas das Rutas do Mar do anterior goberno

O Concello de Muxía celebrou este mércores un pleno no que se aprobaron distintos asuntos, entre eles o destino dos fondos do Plan de Obras e Servizos (POS) da Deputación. Segundo explicou o alcalde, Javier Sar, o reparto estivo condicionado polo Plan Económico Financeiro no que segue sometido o Concello, o que obrigou a priorizar o gasto corrente para poder cadrar os orzamentos municipais.

Do Pan Único 2026, destináronse algo máis de 500.000 euros a gasto corrente e uns 240.000 a unha obra viaria que dá continuidade ao proxecto do ano pasado na estrada de Granzón a Senande. O alcalde sinalou que a decisión se adoptou por consenso, ante un desfase estrutural de arredor dun millón de euros entre ingresos e gastos municipais.

O debate centrouse de novo na xestión das festas. Javier Sar indicou que a organización do Mercado das Rutas do Mar este ano a recadación dos postos fíxose integramente a través dunha conta bancaria, con identificación de cada posto, ingresándose 9.950 euros, unha cifra semellante á doutros anos, sinalou. Sar contrapuxo estes datos coa ausencia total de ingresos rexistrados nas festas do Mar de 2024, malia ter un custo duns 50.000 euros, segundo un informe de Tesouraría, asegurou o alcalde.

En relación á futura organización directa por parte do concello da Romaría da Barca, Sar apelou á prudencia. Indicou que é preciso esperar ao resultado da intervención da Deputación sobre as contas de anos anteriores, o que podería ter consecuencias nos exercicios seguintes. Asegurou que o Concello é consciente da importancia da festa, pero non pode garantir, a día de hoxe, que vaia ser organizada directamente pola administración municipal, tal e como asegurou hai duns días Sandra Vilela, tenente de alcalde e líder do PP Muxíá, partido que goberna en coalición cos independentes.

Sandra Vilela mantén a súa afirmación de que será o concello quen organice a partir de agora a Romaría da Barca, tal como xa indicou en Radio Nordés o pasado més de xaneiro.

O exalcalde e portavoz socialista, Iago Toba, respondeu ás críticas asegurando que o debate sobre as Rutas do Mar se está a empregar como unha “cortina de fume” para desviar a atención do que, ao seu xuízo, foi o realmente relevante do pleno: o voto en contra do goberno municipal a novas obras. Toba acusou ao tripartito de usar esta polémica como estratexia política e defendeu que o Mercado celebrouse durante anos con normalidade, instando a quen teña dúbidas a preguntar ás persoas que estiveron á fronte da súa organización en mandatos anteriores. O socialista subliñou que o seu grupo seguirá centrado en propoñer e defender investimentos, lamentando que proxectos de obras quedasen “tumbados” pola decisión do actual executivo.