As claves do Entroido galego: tradición, ruído e máscara
Felipe Senén explica o verdadeiro significado do Entroido desde A Coruña: “É o mundo ao revés”

A Coruña
No marco da Festa Choqueira da Coruña, o historiador, arqueólogo e museólogo Felipe Senén ofreceu unha auténtica lección sobre o significado profundo do Entroido galego. Lonxe de entenderse como unha festa superficial ou simplemente lúdica, Senén reivindicou o Entroido como unha das expresións culturais máis antigas, complexas e simbólicas de Galicia.
“Perdoa que che corrixa —afirmaba— o Antroido nunca é serio. O Antroido é o mundo ao revés”.
O Entroido como forza da natureza
Para Felipe Senén, o Entroido é unha forza espiritual vinculada aos catro elementos: a auga, a terra, o lume e o aire. Marca o final da invernía e anuncia a chegada da primavera. Coa aparición das mimosas, das camelias e da luz, prodúcese unha alteración da natureza… e tamén das persoas.
O Entroido pecha un ciclo simbólico de corenta días e dá paso, tras o martes de carnaval, á Coresma. Se durante o Entroido predominan o lacón con grelos, a cachucha e o porco, coa Coresma chega o tempo do bacallau e da sardiña. Todo responde a unha lóxica ritual de exceso e posterior recollimento.
Raíces pagás e evolución histórica
Segundo explicou Senén, o Entroido recolle tradicións do mundo castrexo e céltico, que pasan polo romano, polo medieval e polo cristianismo, ata chegar á actualidade. É unha festa pagá que foi incorporando elementos ao longo dos séculos sen perder a súa esencia.
Nas prazas maiores, historicamente, presidía a festa un ídolo: o Meco, o Momo ou o Urco. Este último simboliza o demo, o mundo irracional que invade temporalmente o espazo racional e urbano.
“A máscara é a forza que vén do monte e invade a cidade”, sinalou.
O martes de carnaval queímase esa figura, anunciando o final do ciclo festivo.
O ruído, elemento fundamental do Entroido tradicional
Un dos aspectos centrais do Entroido tradicional é o ruído. As máscaras levan chocas, chocallos, cencerros e axóuxeres pendurados na cintura. O son simboliza enerxía, presenza e ruptura da orde establecida.
O folión, baseado na percusión con bombos e instrumentos metálicos como fouciños e gadañas, é unha das expresións máis antigas. Hoxe transformouse nalgúns lugares en batucadas, pero mantén a súa raíz comunitaria.
Tradicionalmente, os homes tocaban o bombo e as mulleres os instrumentos metálicos, xerando un diálogo sonoro que identificaba parroquias e bisbarras.
A diversidade do Entroido galego
Felipe Senén destacou a enorme variedade do Entroido en Galicia como unha das súas grandes riquezas. Cada territorio desenvolveu as súas propias máscaras e personaxes:
- Os peliqueiros de Laza
- Os cigarróns de Verín
- As pantallas de Xinzo de Limia
- Os felos
- Os voteiros de Viana do Bolo
- As máscaras de Manzaneda
- Os xenerais do Ulla
- Os galáns e madamas
Mesmo en Vigo, lembrou, recuperáronse figuras tradicionais como os merdeiros grazas ao traballo de investigación en fotografías antigas e baúles familiares.
“O Entroido denota moi ben o estado da cuestión da madurez e do ánimo dun pobo”, explicou. É un espazo de solidariedade interxeracional onde participan homes, mulleres, maiores e nenos.
O mundo ao revés: rito de paso e creatividade
No Entroido prodúcese unha inversión simbólica das normas sociais:
O home vístese de muller.
O cura pode converterse en monaguillo.
O militar en personaxe satírico.
É un rito de paso, unha iniciación social que combina erotismo, ironía e morte simbólica.
Senén lembrou a relación do Entroido coa creatividade artística galega, citando figuras como Laxeiro ou mesmo Picasso, formado na Coruña, onde conviven Eros e a morte, dous conceptos presentes tamén no espírito do carnaval.
O Campo da Leña, espazo simbólico
O propio lugar da intervención, o Campo da Leña, ten carga histórica. Foi mercado de leña, lugar de encontro de xentes chegadas de Bergantiños, Lugo ou Ourense, e tamén escenario de sentenzas e episodios vinculados á Inquisición.
Ese cruzamento de camiños explica a chegada á Coruña de tradicións do Entroido rural, que co tempo se integraron na identidade urbana.
Unha festa que define quen somos
Para Felipe Senén, o Entroido é moito máis ca disfraces ou festa. É memoria, identidade e creatividade colectiva. Nun mundo dominado polo ego e pola mercantilización, o Entroido representa a solidariedade e a capacidade dun pobo para reinventarse.
“Que prime a harmonía, a creatividade e a retranca. A festa ben o merece”, concluíu.
O Entroido, en definitiva, segue sendo en Galicia unha celebración viva que nos conecta co pasado e nos define no presente.




