A empresa concesionaria dos servizos sociais de Vimianzo seguirá prestando o servizo mentres o goberno local traballa nun procedemento transitorio
A alcaldesa asegura que o goberno municipal actúa “con responsabilidade e respaldo xurídico” para garantir a continuidade da escola infantil, a vivenda social e outros servizos esenciais


O Concello de Vimianzo garante a normalidade na atención nos servizos sociais municipais despois de que transcendera que as traballadoras non cobraron o mes de xaneiro. Mónica Rodríguez confirmou que a empresa concesionaria seguirá prestando o servizo de maneira provisional. “Queremos trasladar unha mensaxe de tranquilidade ás familias e ás persoas usuarias, o servizo vaise seguir prestando con toda normalidade”, afirmou.
A alcaldesa recoñeceu que existen impagos nas nóminas das traballadoras e que o Concello está pendente de recibir información concreta sobre esa situación. Segundo explicou, a empresa comunicou inicialmente a súa intención de deixar de prestar o servizo, aínda que posteriormente confirmou a súa continuidade. “O Concello está a carón das traballadoras e vai respaldalas como corresponde, pero sempre seguindo os procedementos legais que temos que cumprir como administración pública”, sinalou.
A alcaldesa detallou que o goberno local traballa nun procedemento transitorio para garantir a continuidade dos servizos mentres se resolve a situación contractual. O servizo atopábase en proceso dunha nova licitación, agora condicionada polos feitos recentes. “Estamos a facer unha especie de operación ponte para que, no menor prazo posible, outra empresa poida asumir o servizo e logo continuar coa licitación correspondente”, explicou Rodríguez.
Finalmente, Mónica Rodríguez respondeu ás críticas da oposición, que acusou ao Concello de tardanza na actuación e de coñecer con antelación os problemas da concesionaria. A alcaldesa cualificou esas acusacións de infundadas e defendeu a actuación do goberno municipal. “Desde o minuto cero estivemos traballando arreo, con transparencia, informando ás traballadoras, á oposición e aos funcionarios”, asegurou, insistindo en que a prioridade é “protexer os servizos esenciais e ás persoas que os prestan”.




