"Ofrecéronme escapar a Portugal eu só, pero sen a miña familia non quixen marchar"
Recordamos o 23F con Rafael Mouzo, Manuel Lamela e Álvaro Villar, como viviron o golpe de estado nos concellos de Corcubión e Cee ou facendo o servizo militar en Valencia tendo que saír armado á rúa
No día no que desclasifican os documentos do 23F, en Radio Nordés quixemos coñecer como viviron esa xornada do intento de golpe de estado algúns veciños da zona. Rafael Mouzo, e Manuel Lamela eran alcaldes de Corcubión e Cee respectivamente, Álvaro Villar estaba facendo o servizo militar en Valencia. Lembran como viviron o intento de golpe de Estado pendentes da información que chegaba pola radio e a televisión. Mouzo cualifica aquel episodio como un “golpe brando”, afastado da idea dun levantamento militar clásico como o de 1936, e interpretado máis ben como unha acción destinada a xerar medo na sociedade e asegura que Juan Carlos I estivo implicado. Álvaro Villar no reforzo que tivo ese acontecemento para reforzar a figura do monarca e garantir a continuidade do sistema político.
O baiés estaba xunto co seu irmán Tono facendo o servizo militar en Valencia, déronlle orde de prepararse para facer manobras, en ningún momento imaxinaron que se trataría de saír á rúa, armados e con orde de garantir o toque de queda. Recorda tamén a tensión e o silencio posterior. Tras o fracaso do golpe, oficiais e tropa permaneceron acuartelados durante unha semana, con dificultades para comunicarse coas familias.
O ex alcalde de Corcubión recordou como coñeceu a existencia de listas e “movementos” que xeraron temor a represalias, evocando comparacións directas coa represión de 1936. Anos despois, un veciño comentoulle como participou nunha reunión na que se elaborou unha listaxe negra na que se atopaba Rafael Mouzo ou Manuel Lamela, o ex alcalde de Cee recorda que pasou toda a xornada do 23F na casa do concello coa maioría da corporación, moi preocupados pola posibilidade dunha nova guerra ou a volta á ditadura fascista. Conta como un dos compañeiros foi á sede do PSOE para retirar toda a documentación que tiñan e as dificultades que pasaron os primeiros alcaldes da democracia.
Unha interesante conversa sobre a memoria marcada polo medo, a incerteza e a convicción de que hai aspectos do 23-F que seguen sen aclararse.




