Sociedad

A artesanía de Galicia chora a perda da ceramista Mar Barral, aínda que as súas ensinanzas, honestidade e vitalidade nunca serán esquecidas

Natural do seu amado Carril, incansable traballadora chea de humanidade, faleceu aos 56 anos deixando unha pegada moi fonda na vila

Falar de Mar Barral é recordar a alguén que sempre brillou pola súa sinxeleza e familiaridade que transmitía co seu sorriso. Hoxe Vilagarcía espertou ca noticia do falecemento desta artesá que emocionou ao mundo coas súas obras de cerámica. Tiña tan só 56 anos. Loitaba dende fai tempo contra un cancro. Mar tiña recoñecidas dúas cartas de artesanía: a de cerámica e a de complementos de moda e o seu obxectivo era abrir ao público o seu obradoiro na parroquia de Abalo, no concello de Catoira, onde ademais residía.

En novembro do ano 2023 o programa Vermú con SER visito a súa “base de operacións” ao carón dos Muíños de vento de Abalo rodeada de natureza e afastada dos ruídos da cidade.

Vermú con SER - Mar Barral, a artesá que emociona ao mundo coas súas obras de cerámica (05/11/23)

Licenciada en Maxisterio, no ano 1992, preparou unhas oposicións educativas na nosa comunidade que finalmente foron desconvocadas. O escándalo incluso chegou aos tribunais. A non celebración destas oposicións foi un episodio desconcertante para ela e para centos de opositores, pero o que Mar Barral non sabía, e que nese intre entraría en contacto coa cerámica que cambiaría a súa vida. Fixo un curso de cerámica do plan FIP en Vilagarcía e partir de aquí comezou a recibir chamadas de colexios, asociacións e tamén do Servizo de Prevención e Asistencia a Drogodependentes.

A súa vida, polo tanto, nunca estivo desligada da docencia. No ano 1995 abriu o seu primeiro obradoiro. As súas primeiras pezas foron agasallos institucionais. Recorda que Alberto Blanco, compañeiro de carreira e organizador da Basket Cup de Vilagacía, encargáralle os trofeos de cerámica que logo chegarían as mans dos gañadores do afamado torneo de baloncesto. Daquela había moi pouca información do apaixonante mundo da cerámica. Mar Barral consideraba que mais que un obradoiro tiña un “laboratorio de ideas” no que traballaba continuamente. “Artesanía de Galicia” tíñalle recoñecidas dúas cartas: a de cerámica e a de complementos de moda.

Traballadora incansable, como sinalabamos anteriormente asumindo novos retos, Mar foi pioneira en Galicia en impresión botánica en tecidos e en cerámica. Falamos do “ecoprint”, unha técnica que consiste na utilización de pigmentos naturais de follas e flores para estampar en tecidos e conseguir reproducir a forma das follas ou pétalos sobre estes tecidos.

O obradoiro de Mar Barral estivo sempre en constante evolución como esta profesional que levará sempre no corazón o seu Carril natal. Mar Barral fixo maxia coa cerámica, espallouna polo mundo e emocionou a cada persoa que recibiu unha das súas obras. Mañá as once da mañá oficiarase na igrexa de Carril o seu funeral. Dende aquí, Mar, xamais esquecerémoste!