Política

A débeda da Mancomunidade, un lastre para o concello de Carnota

Moma Saborido denuncia a falta de pediatra no concello, os problemas para atopar persoal para o SAF na fin de semana e avanza varias obras importantes

Pleno Aberto con Moma Saborido, Alcalde de Carnota

O alcalde de Carnota, Moma Saborido, abordou no espazo Pleno Aberto en Radio Nordés a situación da recollida de residuos na Mancomunidade de Lixo de Serra de Barbanza. O rexedor fixo referencia ás últimas declaracións do comité de empresa da entidade, que alertou tanto da desaparición de máis de 60 postos de traballo como dunha xestión que o propio comité cualificou como "estafa". Saborido trasladou estas preocupacións sen esquivar a gravidade da situación para os traballadores e para os concellos afectados. A Mancomunidade debe facer fronte a unha débeda de 23 millóns, ademais búscase unha saída dando outros usos ás instalacións para garantir a continuidade do persoal.

Na entrevista, o alcalde referíuse tamén á ausencia do servizo de pediatría no concello, un problema que se arrastra desde hai décadas. Foi contundente ao rexeitar as explicacións da Consellería de Sanidade: "non me vale a disculpa de que non hai profesionais, non me vale". O rexedor lembrou que a praza está creada e o crédito reservado nos orzamentos, pero que a ausencia de profesional fai inútil o cumprimento administrativo.

En materia de servizos sociais, Saborido destacou que o concello atende entre 60 e 70 usuarios diarios no servizo de axuda no fogar, xestionado directamente pola administración local con 14 traballadoras e dúas técnicas. O alcalde recoñeceu as dificultades para externalizar o servizo en fin de semana tras dous intentos fallidos: "as dúas empresas que se contrataron non conseguiron persoas para traballar o fin de semana", polo que o concello tivo que manter a xestión directa con rotacións acordadas coas propias traballadoras.

Respecto ás obras, Saborido anunciou a recente finalización do auditorio municipal, tras retrasos administrativos que o demoraran dous anos. Destacou o proxecto de mellora na contorna da igrexa do Pindo con 25 novas prazas de aparcamento e un parque infantil. O alcalde tamén informou da recuperación de sendas na praia de Carnota co apoio do Ministerio de Transición Ecolóxica: " fíxose unha senda de madeira que conduce á praia".

O rexedor confirmou que este verán repetirán o modelo de contratación do servizo de socorrismo coa Federación Galega de Socorrismo, tras a boa experiencia do ano anterior e explicou que non contempla solicitar a Bandeira Azul polas condicións económicas actuais. O alcalde apuntou tamén os danos que o duro inverno causou nas dunas da praia: "comeu moitísima duna, estou falando de 3 ou 4 metros e fixo un dique dunha altura de 2 metros", aínda que confía na recuperación natural coa chegada dos ventos do nordeste.