Política

O BNG reclama que a Xunta poña no mercado os trece inmobles adquiridos en Cee e unha solución para as vivendas da SICAR

Os nacionalistas denuncian o deterioro progresivo das vivendas da antiga empresa en primeira liña de costa, piden a Concello e Xunta que actúen para evitar o que consideran un abandono deliberado orientado á especulación

O BNG de Cee esixe ao Concello e á Xunta de Galicia que actúen sobre as trinta e catro vivendas construídas pola antiga empresa SICAR na década dos sesenta, situadas en primeira liña de costa. Os nacionalistas denuncian que estes inmobles, habitados por familias traballadoras durante máis de medio século, foron progresivamente deshabitados por decisión da propiedade sen razóns estruturais que o xustifiquen. O BNG considera que se trata dun abandono deliberado para provocar a degradación do conxunto e facilitar unha futura operación especulativa nun solo de excepcional valor inmobiliario.

Os nacionalistas piden ao Concello que inicie un expediente de comprobación do estado real das vivendas e ordene as obras necesarias para garantir a súa seguridade e habitabilidade. E solicitan á Xunta que actúe de oficio a través da Consellería competente para canalizar recursos públicos cara á súa rehabilitación e posta en uso como parque público en réxime de aluguer social ou cesión de uso, amparándose na Lei do Solo de Galicia e na Lei de Vivenda, que permiten a expropiación por incumprimento da función social da propiedade.

No mesmo contexto, o BNG, a través do deputado Óscar Insua, solicitou información á Xunta sobre as actuacións recentes do Instituto Galego de Vivenda e Solo no marco de adquisición de inmobles procedentes da Sareb. Tras recibir resposta, os nacionalistas anuncian que pedirán por escrito ao IGVS, e ao Concello para que interceda ante el, que as vivendas adquiridas sexan postas no mercado no menor tempo posible para que as familias poidan solicitar a súa compra.

Segundo a resposta recibida, o IGVS formalizou a adquisición de trece vivendas en tres puntos do núcleo urbanopor case 900.000€: dez na Avenida Fernando Blanco, dúas na Avenida de Fisterra e unha na rúa Estatuto de Autonomía de Galicia. O BNG lembra que Cee é o municipio da Costa da Morte con maior demanda de vivenda social con 30 solicitantes, segundo o Rexistro Único de Demandantes da Xunta, aínda que considera que a cifra real é moito maior polo descoñecemento xeneralizado deste rexistro entre a cidadanía