King Sapo e Moon Cresta: dobre concerto e dobre dose de rock, o sábado na Rebullón
Ambos actuarán este sábado 14 a partir das 21:30 horas, con entradas desde 15 € en anticipada


Vigo
King Sapo e Moon Cresta suman forzas a prol do rock. Este sábado, a sala Rebullón propón unha noite de groove, guitarras e moita enerxía da man de dous titáns do rock, os madrileños King Sapo e os vigueses Moon Cresta. Dobre concerto, dobre dose de rock este sábado, desde as 21:30 horas, con entradas desde 15 euros en anticipada (18 € na billeteira) xa á venda online e na cantina do CSCD As Pedriñas.
King Sapo
King Sapo regresa á Rebullón logo do seu memorable concerto do ano pasado. A banda labrouse un nome na escena estatal cunha proposta que se apoia no rock clásico, a enerxía do grunge e o rock alternativo, coa que está a cautivar a crítica e público. O grupo destaca polas súas composicións, discos coidados á vella usanza, un son contundente e directos irresistibles.
Formado por músicos de longa traxectoria, o cuarteto consolidou un selo propio baseado en riffs densos, sección rítmica contundente e melodías cheas de personalidade. A crítica especializada sitúao como un dos grupos estatais máis sólidos do xénero, cun directo que propón unha auténtica viaxe no tempo a partir de influencias que van de Hendrix a Led Zeppelin, pasando polo son dos anos 90, que recollen e actualizan como ninguén.
Nomeados a dúas categorías dos Grammys latinos, King Sapo non deixa de crecer, cunha posta en escena electrizante e mensaxes que convidan á reflexión. Así están a abrirse camiño para converterse nun novo referente no rock español.
Moon Cresta
Os vigueses Moon Cresta, pola súa banda, son vellos coñecidos na escena co seu inconfundible funk ‘n’ roll, un power & funk eléctrico que recupera os sons do rock e do funk dos 70 cun enfoque contemporáneo. Sempre abertos á experimentación, o ano pasado lanzaron o discómic “Zadym”.
Sobre o escenario, os integrantes de Moon Cresta entréganse sempre ao máximo para facer gozar ao público, un directo que garante “baile, suor e xúbilo”, como eles mesmos din. Ao longo da súa traxectoria, a banda percorreu boa parte da península, ensanchando a súa base de seguidores e facéndose un oco no panorama estatal.
A sala Rebullón
Xestionada pola Comunidade de Montes de Tameiga, a sala Rebullón converteuse nunha referencia para os espectáculos escénicos e musicais en Galicia desde a súa inauguración no ano 2017. Desde entón, alzouse con dous premios Martín Códax da Música á mellor sala de concertos, no 2023 e no 2025, segundo a votación dos socios e socias de Músicas ao Vivo.
A Rebullón é un proxecto cultural centrado fundamentalmente nos concertos, pero no que tamén se programan sesións de cinema, danza ou teatro, conferencias, actividades infantís ou presentacións de libros. A súa versatilidade é unha das principais características deste espazo, configurado e definido por técnicos profesionais para lograr unha acústica e funcionalidade apta para acoller ao mellor da escena cultural galega.




