O PSOE denuncia “abandono” da Xunta coa Costa da Morte e reclama solucións en transporte, infraestruturas e servizos
Bernardo Fernández e Patricia Iglesias critican en Vimianzo a situación do transporte metropolitano, a falta de avances na autovía da Costa da Morte e a “discriminación” nos investimentos autonómicos


O secretario xeral provincial do PSdeG da Coruña, Bernardo Fernández, e a deputada no Parlamento de Galicia Patricia Iglesias denunciaron en Vimianzo dous anos de “abandono” da Xunta coa Costa da Morte tras o inicio do mandato de Alfonso Rueda. Nunha rolda de prensa na que participaron tamén representantes socialistas da comarca, advertiron de que os principais problemas en materia de infraestruturas e servizos públicos continúan sen resolverse.
Fernández asegurou que estes dous anos de goberno autonómico “non foron positivos para esta terra” e puxo o foco na situación do transporte público. Segundo indicou, os novos contratos do transporte metropolitano provocaron un empeoramento do servizo, con autobuses cheos que deixan persoas nas paradas, vehículos que non chegan ou que o fan tarde e mesmo casos nos que pasan antes da hora prevista.
Pola súa banda, Patricia Iglesias referiuse ao illamento da comarca e criticou a falta de avances na autovía da Costa da Morte. A deputada valorou o anuncio dun novo tramo de 5,5 quilómetros, pero insistiu en que a infraestrutura debe completarse tal e como se concibiu no proxecto inicial. Tamén cuestionou que a Xunta reclame a gratuidade da AP-9 mentres mantén peaxes en vías autonómicas como o tramo Carballo-A Coruña.
A parlamentaria socialista denunciou ademais unha suposta “discriminación” nos investimentos da Xunta cara a concellos gobernados polo PSdeG e advertiu de problemas estruturais en servizos públicos da comarca, especialmente na sanidade e na educación, pola falta de profesionais na atención primaria e pediatría e pola necesidade de máis profesorado especializado para o alumnado con necesidades educativas especiais.




