A Xunta renovará o pavimento do pantalán pesqueiro de Muxía
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, presentou as obras, actualmente en licitación, que substituirán o pavimento de madeira deteriorado por material de maior durabilidade e resistencia


A conselleira do Mar, Marta Villaverde, presentou este martes no porto de Muxía o proxecto de renovación integral dos pavimentos de madeira no pantalán destinado aos profesionais da pesca. A actuación enmárcase nun contrato global para unha decena de portos autonómicos que se atopa en licitación por un importe de 640.000 euros. Villaverde estivo acompañada polo presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez.
Os traballos consistirán no desmonte do pavimento de madeira deteriorado de pasarelas, pantaláns e fingers, e a súa substitución por novo pavimento tecnolóxico de maior durabilidade e resistencia ante as condicións climatolóxicas adversas e a acción do mar. O prazo de execución previsto é de sete meses. En todo momento garantirase o acceso dos usuarios ás súas embarcacións.
No caso concreto de Muxía, a actuación, cun investimento de 20.000 euros, abranguerá o conxunto das instalacións destinadas á terceira lista: o tramo inicial de pasarela, o propio pantalán e 14 fingers. Ademais de Muxía, o contrato inclúe obras nos portos de Lorbé, Muros, A Barquiña, Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Carril, Vilanova de Arousa, O Grove e Baiona.
Con esta actuación, Portos de Galicia busca mellorar o tránsito nas instalacións flotantes, minimizando os riscos de esvarar ou accidente, e repoñer as táboas en mal estado como consecuencia do deterioro provocado polas severas condicións climatolóxicas que soportan estes peiraos.




