Así se prepara Lugo para acoller a primeira edición dos premios Mestre Mateo que se celebra na cidade
A Cadena SER en Lugo emitiu dende a sala de prensa do auditorio Fuxan os Ventos un programa especial na véspera do evento
Así se prepara Lugo para acoller a primeira edición dos premios Mestre Mateo que se celebra na cidade
Lugo
Durante a última semana, un amplo equipo traballou no auditorio Fuxan os Ventos, para preparar a primeira edición dos Mestre Mateo que acolle a cidade de Lugo. Este sábado terá lugar a gala de entrega de premios, que será o colofón final de dous meses de actividades culturais que achegaron o audiovisual galego á cidadanía. Nesta xornada de preparativos finais e nervios, a Cadena SER emite un programa especial de Hoy por hoy Lugo dende a sala de prensa do auditorio.
Iria Castro, deputada provincial de Cultura, e Maite Ferreiro, concelleira de Cultura, abriron o programa poñendo en valor o que consideran "o primeiro gran evento" que acolle o Fuxan os Ventos. "Hai unha canteira cultural moi grande na provincia", reivindicou a deputada, "estamos vivindo un momento moi bo, pero tamén hai que darlle valor a todo o que veu antes, porque talento aquí hóuboo sempre".
Pola súa banda, a concelleira cre que na actualidade a proxección do audiovisual galego se debe a dous factores que confluíron: "Pr un lado, o talentazo que temos, e por outro o traballo para darlle visibilidade que se vén facendo dende as administracións para que estas películas rodadas aquí, cunha temática nosa, estén triunfando nos grandes circuítos estatais".
Iria Castro, deputada de Cultura, no medio, e Maite Ferreiro, á dereita, nunha entrevista na véspera dos Mestre Mateo.
"Nervios bonitos"
A presidenta da Academia Galego do Audiovisual, Lucía Veiga, enfronta a recta final antes da gala "con nervios", pero "deses bonitos que dan cando despois de moitos meses de traballo chega por fin o día". Da gala, destaca que vai ser "a primeira vez que involucramos tanto á cidade, aos veciños e ás veciñas, que nos acolleron moi ben". Incluso, advirte, haberá cámaras preparadas para "enfocar a calquera en calquera momento".
Lucía Veiga, presidenta da Academia Galega do Audiovisual, á dereita de Beatriz Serén, actriz e académica.
Os Coira reunidos na radio
Esta, ademais de ser a primeira edición dos Mestre Mateo en Lugo, foi tamén a primeira vez que a familia Coira se reuniu nun medio de comunicación. Pepe Coira sentou ao lado dos seus fillos Clara e Dani diante do micrófono de Radio Lugo.
Os dous mozos contan que para eles foi moi natural rematar formando parte do mundo do audiovisual, aínda que os dous trataron de desenvolver a súa traxectoria profesional noutros ámbitos, remataron por seguir a tradición familiar: Dani matriculouse en Físcia e Clara comezou a estudar Historia da Arte. "No caso da física pensábamos que fallaramos como pais, pero durou moi pouco e volveron ao rego", bromea o pai.
As súas apostas pasan por 'Antes de nós', no caso de Clara, mentres que Dani cre que o paso de 'Sirat' polos Óscars a posiciona nun bo punto de partida.
Pepe Coira xunto cos seus fillos Clara e Dani.
As entregadoras
Estíbaliz Veiga e Beatriz Serén serán dúas das responsables de facer entrega dun dos Mestre Mateo durante a gala. Aseguran as dúas que é un momento para desfrutar, especialmente porque se vive moi de preto a alegría de compañeiros e amigos.
As dúas reivindican tamén a importancia de que se fagan en Lugo, e de que cada ano suba "o número de producións e tamén a calidade", apunta Beatriz Serén. Pola súa banda, Veiga recordou os seus inicios como académica, no 2002, e como daquela as votacións se facían en papel.
Estíbaliz Veiga, á esquerda, e Beatriz Serén, académicas e entregadoras dun dos premios.