Sociedad

A zona vella de Pontevedra dará o pistoletazo de saída da Costa Atlántica MTB 2026

É a sexta edición desta proba na que participarán ao redor de 400 deportistas

Apenas faltan uns días para que dea comezo a sexta edición da Costa Atlántica MTB 2026, e partirá do corazón da Boa Vila. A competición desenvolverase os días 10, 11 e 12 de abril, comezando coa crono nocturna pola zona antiga de Pontevedra. A novidade é a saída dos ciclistas dende a Praza da Ferraría a diferenza dos anos anteriores, que se facía dende a Praza de España.

Os dous días seguintes, as probas progresarán por distintos puntos da comarca, cun percorrido que pasará por 12 concellos da provincia (Pontevedra, Barro, Bueu, Cambados, Cangas, Marín, Meaño, Meis, Moaña, Poio, Ribadumia e Vilavoa) e por 25 comunidades de montes.

A nova edición da Costa Atlántica MTB presentouse este mércores no Concello de Pontevedra. No acto, a directora xeral de Deportes da Deputación, Xisela Aranda, aproveitou para vincular o evento coa estratexia de “turismo deportivo”. Pola súa banda, o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz, afirmou que a Costa Atlántica “é unha das mellores probas de formato BTT que hai a nivel autonómico e nacional”

A proba conta xa con preto de 400 participantes dos que máis da metade proceden de fóra e contando coa presenza internacional de países como Luxemburgo, Portugal, Holanda e Suíza. A nivel nacional, achegáronse ciclistas de Asturias, Baleares, Canarias, País Vasco, Estremadura e Cataluña. O prazo de inscripción continuará aberto ata final de mes, polo que o número de participantes aínda pode medrar.