Galicia actualiza o seu mapa: máis de 42.000 nomes oficiais e cambios en concellos históricos
A Xunta aproba o novo Nomenclátor tras máis de dúas décadas: engádense 1.500 topónimos e corríxense máis de 2.500 nomes

Imaxe de libros en galego / ADOS,

Vigo
Galicia xa ten novo mapa oficial de nomes. O Consello da Xunta deu luz verde ao novo Nomenclátor, unha actualización clave que revisa, corrixe e amplía a listaxe de topónimos da comunidade por primeira vez desde 2003.
O novo documento recolle un total de 42.909 nomes de concellos, parroquias e lugares, o que supón uns 1.500 máis ca na anterior versión. Pero o máis significativo é que se modifican 2.531 topónimos, preto do 60 % dos analizados, nun traballo liderado pola Real Academia Galega.
Cambios visibles no mapa galego
Entre as modificacións máis destacadas están os cambios en varios concellos. Así, pasan a denominarse oficialmente O Porto do Son, O Campo Lameiro ou A Ribeira de Piquín, incorporando o artigo; mentres que outros como Pastoriza o perden.
Tamén hai adaptacións á normativa lingüística, como Cerdedo Cotobade e Oza Cesuras, que eliminan o guión, ou recuperacións históricas como Alfoz do Castrodouro e A Caniza. Ademais, Cangas pasa a ser Cangas de Morrazo, reforzando a súa identidade territorial.
O problema máis repetido: o artigo
A maior parte dos cambios teñen que ver cun detalle aparentemente pequeno, pero clave na lingua galega: o uso do artigo. Máis de 2.000 revisións están relacionadas coa súa presenza ou ausencia en nomes de lugares.
Así, moitos topónimos recuperan formas máis próximas ao uso real da veciñanza e á tradición histórica, mentres que noutros casos se eliminan formas consideradas incorrectas.
Novos nomes e máis territorio recoñecido
O novo Nomenclátor incorpora tamén 1.658 novos lugares, moitos deles pequenas aldeas ou núcleos pouco poboados que non figuraban ata agora no rexistro oficial. Ademais, engádense sete novas parroquias.
Este traballo permite dar visibilidade a unha parte do territorio que, ata o momento, quedaba fóra dos rexistros oficiais, reforzando a identidade local e o patrimonio cultural galego.




