Salceda de Caselas contará este ano cunha nova pista de pump track impulsada pola mocidade
A iniciativa xurdiu a raíz da proposta dun grupo de mozos e mozas de 16 anos


Salceda
O Concello de Salceda de Caselas construirá este ano unha nova pista de pump track nos terreos contiguos ao Parque Mártires de Sobredo, tras conseguir unha financiación de 52.010,78 euros a través do III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas da Deputación de Pontevedra.
A iniciativa xurdiu a raíz da proposta dun grupo de mozos e mozas duns 16 anos que, ao longo de 2025, trasladaron á alcaldesa a necesidade de contar cunha instalación adecuada para practicar deportes sobre rodas.
Un espazo para todos os niveis
A nova infraestrutura ocupará unha superficie de 730 metros cadrados e contará cun percorrido deseñado para persoas usuarias de distintos niveis. Incluirá cinco curvas —dúas de 180 graos e tres de 90—, ademais dunha variante con saltos para usuarios máis avanzados.
O trazado combinará zonas técnicas con elementos como rollers e curvas enlazadas, permitindo un uso seguro tanto para principiantes como para persoas con maior experiencia.
Un proxecto ligado á mellora urbana
A construción desta pista coincide coa aprobación de máis de un millón de euros para a urbanización do PERI A Gándara, que dará continuidade á rúa Mártires de Sobredo. Deste xeito, a zona experimentará unha transformación integral nos vindeiros meses.
Implicación da mocidade
O equipo de goberno visitou recentemente o espazo acompañado polo grupo de rapaces que impulsou a proposta, quen tamén colaborou na definición do proxecto, achegando ideas sobre deseños e instalacións.
A alcaldesa, Loli Castiñeira, puxo en valor a súa implicación, destacando que “deron unha lección de participación e compromiso”, ao tempo que subliñou o orgullo de poder facer realidade unha demanda nacida da propia veciñanza máis nova.
A pista será asfaltada e permitirá o seu uso para bicicletas e outros deportes sen motor, converténdose nun novo punto de encontro para a mocidade nun entorno seguro e adaptado.




