Dumbría acolle a fase comarcal de cross escolar con preto de 700 participantes
As instalacións do Conco serán escenario dunha xornada deportiva que reunirá a alumnado de distintos centros da comarca


Dumbría
O Concello de Dumbría acollerá este xoves 9 de abril a fase comarcal de cross escolar, unha cita que reunirá a arredor de 700 estudantes de distintos centros educativos da zona. A proba, organizada pola Secretaría Xeral para o Deporte en colaboración co Concello, A.D. Escolar As Rías e a A.D.D. do Barbanza, disputarase nas instalacións municipais do Conco a partir das 11:00 horas.
O alumnado competirá nas categorías benxamín, alevín, infantil e cadete, tanto en modalidade masculina como feminina, nun circuíto situado nun entorno natural na contorna das instalacións deportivas. A organización destaca o carácter educativo e saudable da actividade, que promove a práctica do atletismo nunha disciplina con gran tradición en Galicia, aproveitando ademais un espazo que conta con servizos como vestiarios, pavillón e zonas de apoio para os participantes.




