A Costa da Morte opta a dous premios Arquitectura 2026
Iniciativas en Corme e Carballo nunha selección que destaca polos valores sociais, patrimoniais e sostibles da arquitectura galega


A arquitectura galega volve situarse entre as máis destacadas do Estado con 13 proxectos seleccionados para os Premios ARQUITECTURA 2026, convocados polo Consejo Superior de los Colegios de Arquitectos de España (CSCAE). Entre eles figuran iniciativas localizadas en Corme e Carballo, dentro dun conxunto que suma 209 propostas elixidas entre un total de 534 presentadas. Os gañadores daranse a coñecer o 9 de xuño nunha cerimonia en Madrid, tras unha fase final que se decidirá en maio por un xurado de recoñecido prestixio.
Inicialmente presentáronse 38 candidaturas galegas, avaliadas por un comité de selección designado polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG). Finalmente, escolléronse 13 proxectos que abranguen diferentes disciplinas. Na categoría de edificación inclúense, entre outros, A Cormelá en Corme e o Centro social de Goiáns en Carballo.
Da Cormelá, de Javier Rocamonde Lourido e Natalia Alvaredo López, o xurado recoñece a posta en valor dunha vivenda mariñeira tradicional, conciliando o respecto patrimonial con estándares modernos de confort. Emprega materiais de proximidade para garantir unha baixa pegada de carbono e rexenerar o hábitat costeiro demostrando á maneira de Jill Stonner de que non hai arquitectura menor e que un proxecto ausente de forma non é menos intenso nin radical.
Do Centro social de Goiáns, de Miguel Fernández-Galiano, o xurado valorou unha obra que se pode entender como reinterpretación dunha arquitectura popular galega en clave contemporánea para crear un espazo de encontro inclusivo e flexible. Responde ao compromiso de fixar poboación no rural mediante equipamentos de alta calidade arquitectónica.

LUIS DIAZ DIAZ

LUIS DIAZ DIAZ
Dende o COAG destacan a “altísima calidade” das propostas e a súa capacidade para integrar reflexións sobre novos usos e demandas contemporáneas co respecto pola contorna. Subliñan que os proxectos seleccionados “reflexionan sobre os valores sociais, patrimoniais e paisaxisticamente sostibles”, combinando tradición e innovación en distintas escalas, desde intervencións domésticas ata grandes actuacións, cunha clara vocación de coidado do territorio.
Litado completo de candidatos
-Casa 2M e medio en Santiago
-Rehabilitación das carpinterías de ribeira de A Seara en Moaña
-A Cormelá en Corme (Ponteceso)
-Obra nova e rehabilitación de edificio para vivendas, locais e garaxes en Marqués de Valladares
-Centro social de Goiáns en Carballo
-Nova Sede Corporación Hijos de Rivera en Arteixo
-Rehabilitación de vivenda en Seaxe en Rois
-Piscina de O Couto en Narón
-Rehabilitación e mellora enerxética da Casa Consistorial de Ribeira
-Centro Social Muimenta en Carballeda de Avia
-“Lectura dun territorio atlántico en Galicia” (investigación)
-Plan Básico Municipal do Concello de Porqueira
-Internalities en Venecia




