Historia, humor e tecnoloxía dende unha perspectiva feminista: volve escoitar o Hoy por hoy Lugo dende as III Xornadas Feministas = Igualdade
A Cadena SER emitiu dende o Pazo de San Marcos un programa especial seguindo as actividades, organizadas pola Deputación de Lugo

Hoy por Hoy Lugo (17/04/2026)
El código iframe se ha copiado en el portapapeles
Lugo
"Neste tempo como presidenta tiven que comprobar algo que non e novo, pero que é moi revelador: como se cuestiona a miña profesionalidade, como se me cualifica con termos que non teñen nada que ver co profesional, chegan a chamarme títere, pregúntanme como concilio; e a miña dúbida é se farían a mesma pregunta se fose un presidente o que tivesen diante". Así inauguraba a presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, as III Xornadas Feministas = Igualdade, dirixíndose aos mozos e mozas que asistiron ás actividades organizadas no Pazo de San Marcos.
López Moreno dirxiuse a eles e máis a elas pedíndonlles compromiso co futuro: "Non podemos permitirnos dar nin un paso atrás, non poden calar esas mensaxes que ledes nas redes sociais, nos Tiktoks, tedes que afondar, investigar e, sobre todo, pensar no compañeiro que tedes ao lado, porque así é como se cambia o mundo". Recordoulles que "se poden cambiar as cousas", dende a política, pero tamén "dende entidades sociais, dende os centros educativos, dende as vosas casas ou as vosas pandillas".
A Cadena SER en Lugo emitiu dende as xornadas un programa especial de Hoy por hoy Lugo polo que pasou, ademais da preisdenta provincia, a deputada de Muller e Igualdade, Marisol Morandeira. Puxo o foco na importancia da educación, porque "é o lugar dende o que debe loitarse a igualdade". "É primordial que as novas xeracións medren nunha educación feminista e teñan as ferramentas necesarias para seguir avanzando", reflexionuo.
Ademais, remarcou a necesidade de atopar vías que realmente conecten cos mozos e as mozas. "Hoxe en día temos que tratar de buscar novas maneiras para chegar a eles, que lles resulten interesantes", dixo Morandeira, "o importante é que eles entendan o idioma no que se lles fala, e estanos niso".
Unha revisión feminista da Historia
Eentre as poñentes que participaron nas xornadas estivo Eulalia Pérez, profesora e investigadora en Ciencias, Tecnoloxía e xénero do CSIC. Na súa intervención falou sobre "mentiras científicas" que se trasladaron ao longo do tempo sobre as mulleres e da necesidade de revisitar o que sabemos dende unha perspectiva feminista.
"Creo que temos avanzado moito en canto ao coñecemento", reflexiona, e sinala a importancia que tivo introducir unha mirada igualitaria nos procesos de investigación: "Creo que o que fixo o feminismo foi ofrecer unha mirada nova sobre cuestións que se tiñan revisado só dende a óptica dos homes". Explícao cun exemplo: "As pinturas rupestres deuse por feito que foran feitas por homes, esas mans, eses animais. Pois despois de estudarse resulta que máis do 75% desas mans estampadas son de mulleres".
A Intelixencia Artificial pode ser feminista?
Almudena Cueto, avogada experta en igualdade de xénero formaba parte da programación cunha conferencia titulada 'Análise crítica feminista da IA'. Reflexionou sobre a relación das novas tecnoloxías co feminismo, advertindo que a Intelixencia Artifical tamén se alimenta das fake news e os discursos de odio que hai en Internet.
"Eu creo que é unha ferramenta que pode ser útil", apunta, aínda que tamén advirte que "se viraliza moito máis rápido o negativo" e é moito máis complicado "introducir mensaxes construtivas". Hai que se conscientes, considera a experta, que "na rede está todo", e a pregunta que realmente hai que formular é como pedimos á IA o que queremos.
Tomar o humor en serio
"Sempre hai unha cousa co humor que parece que só vale para faltar ao respecto ou banalizar temas importantes", apuntou nos micrófonos de Hoy por hoy Lugo Esther Gimeno. A humorista, actriz e guionista pasou polo programa antes do monólogo co que remataron as xornadas. Defende a importancia do humor como unha ferramenta de utilidade para "entrar pola parte inconsciente daa mente de persoas que se negan a escoitar certos discursos".
"Canto máis complicado é o tema, más hai que currarse o chiste, iso está claro", continuou, pero onde está a clave, segundo a súa experiencia, é en "quen sae gañando no chiste". "Se consigues que gañe un colectivo, un grupo, unha identidade que normalmente é máis vulnerable, conseguimos facer ver que hai unha maneira de darlle a volta ás cousas".




