O PP rexeita no Parlamento a paralización da macroplanta de biogás de Soandres e rompe a unanimidade do pleno municipal
A instalación ocupará 16.000 m2, tratará 73.000 toneladas de residuos anuais e precisará de 1,5 millóns de litros de auga do río Anllóns que xa sufriu restricións de consumo os últimos veráns.
Malia a unanimidade do pleno municipal e o amplo clamor veciñal contra a macroplanta de biogás de Soandres (A Laracha), o Grupo Popular rexeitou no Parlamento Galego a proposta dos socialistas para paralizar cautelarmente o proxecto.
A sesión da Comisión de Industria contou coa presenza de membros da plataforma 'Stop Biogás A Laracha', que seguiron en directo un debate onde se debullaron os riscos técnicos da instalación:
- Superficie: 16.000 metros cadrados.
- Capacidade: Tratamento de 73.000 toneladas de residuos anuais.
- Necesidade hídrica Extracción de 1,5 millóns de litros de auga do río Anllóns.
- Impacto: Previsión de cheiros persistentes, degradación da calidade de vida e perda de valor das propiedades, afección ao patrimonio arqueolóxico.
Críticas á "alfombra vermella" e á incoherencia política
A portavoz do PSdeG, Patricia Iglesias, cargou con dureza contra a Xunta, acusándoa de "poñerlle a alfombra vermella" á empresa Bioenergía A Coruña SL. Segundo a deputada, o PP promove reformas lexislativas que facilitan estas macroplantas "sen contar coa xente". Iglesias cualificou de "incoherente" que o PP vote a favor dos veciños no Concello pero en contra no Parlamento, e esixiu informes independentes que non sexan elaborados pola propia promotora.
Pola súa banda, o voceiro do BNG, Óscar Insua, defendeu un modelo diferente: pequenas plantas de autoconsumo ligadas a explotacións locais. Insua amosouse especialmente preocupado pola sobreexplotación do río Anllóns, un río que xa sufríu restricións de consumo os últimos veráns, e reclamou unha normativa galega específica para regular estas instalacións, comprometendo o apoio total do seu partido á veciñanza.
A postura do PP: "Tramitar non é avalar"
Fronte ás críticas, o deputado popular Rubén Lorenzo fixo un chamamento á calma e defendeu que o proceso de avaliación ambiental en Galicia é "un dos máis esixentes". Lorenzo argumentou que “o feito de que a Xunta tramite o proxecto non implica o seu aval”, indicando que se os informes son desfavorables, a planta non sairá adiante. Cargou contra a proposta de paralización do PSdeG asegurando que carece de "encaixe legal" e defendeu a xestión do alcalde, José Manuel López, acusando á oposición de facer un "dobre xogo" para obter rédito político mediante a desinformación.
Próximos movementos
A proposición non saíu adiante polo voto negativo do PP. Como resposta, o BNG anunciou que levará mocións a todos os plenos da comarca de Bergantiños para reforzar a fronte institucional contra a planta de Soandres.




