Arrinca a 63ª Feira do Viño do Ribeiro
É o evento vitivinícola máis antigo da provincia

Ribadavia.
A 63ª Feira do Viño do Ribeiro celebrarase do 1 ao 3 de maio en Ribadavia cun programa que combina tradición, promoción vitivinícola e novas propostas culturais, consolidándose como unha das citas máis destacadas do calendario enogastronómico galego.
No Hoy por Hoy Ourense convidamos a Xosé Carlos Sierra, pregoeiro desta edición; a Concha Iglesias, presidenta do Consello Regulador da DO Ribeiro; e César Fernández, alcalde de Ribadavia.
Un evento histórico e motor da comarca
César Fernández puxo en valor o peso histórico da feira, “a máis antiga da provincia, con 63 anos celebrándose de maneira ininterrompida”, e subliñou o seu papel como escaparate do sector: “É o evento que utilizamos para poñer en valor o noso produto estrela, o viño, motor económico da comarca e elemento clave que nos define como territorio”.
Pola súa banda, Concepción Iglesias, presidenta do Consello Regulador da DO O Ribeiro convidou á participación activa do público, especialmente na cata popular: “É moi importante que a xente acuda, porque así podemos premiar os mellores viños e amosar a calidade do Ribeiro”.
A feira contará coa participación de 29 adegas e colleiteiros – cifra lixeiramente superior á da anterior edición - que ofrecerán unha mostra representativa da diversidade e calidade da Denominación de Orixe Ribeiro. Unha cifra que, como destacou a organización, responde tamén ás limitacións de espazo, nunha D.O. que conta con máis de 90 operadores.
Novidades: artesanía e accesibilidade
Entre as principais novidades desta edición destaca a posta en marcha da I Feira de Artesanía, que se desenvolverá na Praza Maior e que ampliará a oferta cultural da cita.
O alcalde, César Fernández, explicou que esta iniciativa busca “engadirlle un novo valor á Feira do Viño e ofrecer máis razóns para achegarse a Ribadavia durante eses días”, integrando tamén o tecido creativo e artesanal no evento. “Queremos que quen nos visite poida desfrutar non só do viño, senón tamén do noso patrimonio, da nosa paisaxe e do traballo dos artesáns e artesás”, sinalou.
Ademais, a organización reforza o seu compromiso social cunha feira máis inclusiva, incorporando interpretación en lingua de signos en distintas actividades.
Neste sentido, Fernández destacou que “é fundamental avanzar cara a eventos máis accesibles”, e subliñou que esta medida permitirá que persoas xordas “poidan participar e desfrutar plenamente da feira”. “Cantas máis persoas poidan acceder á cultura e ao lecer en igualdade de condicións, mellor”, engadiu.
A programación inclúe, ademais, catas, showcookings e actividades divulgativas arredor do viño.
Programa completo
Venres 1 de maio
Horario do recinto: 12:00h – 00:00h
- 11:30h – Recepción de autoridades no Concello de Ribadavia, acompañados pola Banda A Lira ata o Castelo dos Condes (actuación da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense).
- 12:00h – Inauguración oficial e pregón (accesible con linguaxe de signos).
- 16:00h a 21:00h – Cata Popular (7 €). Local Social da Madalena.
- 17:30h – Obradoiro de cociña (5 €), con Rocío Garrido (A Cociña do Meu Avó).
- 19:30h – Presentación do IES O Ribeiro (de balde).
- 23:30h – Actuación musical: Mambas Negras (“Tarantino Experience”).
Sábado 2 de maio
Horario do recinto: 11:00h – 00:00h
Descubre la nueva app de Cadena SER Te ofrecemos una mejor experiencia de audio y video
Descargar- 12:30h – Gaiteiros Castrodeallo (Praza Maior e recinto feiral).
- 12:00h a 14:00h / 16:00h a 21:00h – Cata Popular (7 €).
- 12:30h – Obradoiro de cociña (5 €), con Iria Espinosa (Árbore da Veira, 1* Michelin) e Marta Cortizas.
- 17:30h – Cata comentada das adegas (5 €), con Marta Cortizas.
- 19:30h – Obradoiro de cociña (5 €), con Marco Varela (Sábrego, 1 Sol Repsol) e Marta Cortizas.
- 23:30h – Actuación musical: The Bigüis.
Domingo 3 de maio
Horario do recinto: 11:00h – 22:00h
- 12:30h – Obradoiro de cociña (5 €), con Alberto Fernández (Pallabarro) e Isabel Lozano.
- 14:00h – Entrega de premios da Cata Popular.
- 17:30h – Cata comentada das adegas (5 €), con Isabel Lozano.
- 19:30h – Obradoiro de cociña (5 €), Talentos by Abril con Isabel Lozano.




