Aberto o prazo de reserva de rutas en catamarán pola Ribeira Sacra
A partires do xoves 24 xa se poderán facer a través da web "reservas.rutasembalses.es"


Lugo
Volven as rutas en catamarán pola Ribeira Sacra. A Deputación de Lugo abre o prazo este xoves 24 de febreiro para que os lucenses que así o desexen poidan facerse coa súa praza nestes percorridos, que arrincarán o vindeiro 19 de marzo e se prolongarán ata finais de ano.
As persoas interesadas poden formalizar a súa reserva na web reservas.rutasembalses.es, ou ben de luns a venres, de 09:00 a 14:30 horas de xeito presencial, no correo electrónico catamaranes.turismo@deputacionlugo.org ou no teléfono 982.260.196.
Para potenciar as reservas on-line, o goberno lucense ven de darlle unha volta á web para facela "máis accesible e visual". A través desta páxina o visitante pode coñecer todos os detalles precisos para programar a súa experiencia, poderase formalizar o proceso dende o teléfono, o ordenador ou calquera dispositivo móbil.
Unha das novidades do portal é a posibilidade que ofrece para modificar reservas, coñecer a normativa e estar ao tanto de calquera aviso ou información precisa para realizar a viaxe. "Os usuarios e usuarias poden consultar as tarifas e os prezos reducidos para xente nova, estudantes, persoas xubiladas, persoas en situación de desemprego e familias numerosas, así como que os nenos e nenas de ata 3 anos viaxan de balde", confirman dende o Goberno provincial.
Rutas e horarios
Na nova tempada manteranse os dous percorridos: a ruta fluvial Canón do Sil, que sae do embarcadoiro da Deputación Ponte de Sil, en Monforte de Lemos, e a Ruta Fluvial do Cabo do Mundo, que parte de Belesar Pobo, en Chantada, e que transita polo Saviñao, Pantón e Chantada.
No caso da ruta fluvial Canón do Sil funcionarán dúas travesías cunha capacidade total de 159 prazas, distribuídas en 107 prazas no catamarán Mencía e 52 no monocasco Canón do Sil. Pola súa banda, a ruta fluvial Cabo do Mundo contará cunha capacidade total de 63 viaxeiros.
No mes de marzo, navegarán do sábado 19 ao domingo 20 e a fin de semana do 26 e 27 de marzo, en horario de mañá e tarde. Nos próximos meses de abril e maio, as rutas polo Canón do Sil serán de mércores a domingo e, con motivo da Semana Santa, haberá servizo de luns a venres do 11 ao 17 de abril, ao igual que a semana do 16 de maio, con motivo das Letras Galegas. No caso de Cabo do Mundo, neste período haberá viaxes as fins de semana, a semana completa do 11 ao 17 de abril por mor da Semana Santa, e os días 16 e 17 de maio ao ser o festivo das Letras Galegas.
Na Ruta Canón do Sil en xuño, xullo, agosto e setembro haberá rutas de luns a domingo, en horario de mañá, tarde e noitiña. A partir do 1 de outubro e ata a ponte de decembro pasarán a funcionar de mércores a domingo con dúas viaxes por día, a excepción da ponte de Todos os Santos, que haberá servizo tamén o 31 de outubro e o 1 de novembro.
No caso da Ruta Cabo do Mundo, en xuño habilítanse viaxes de mércores a domingo con tres frecuencias horarias. Para xullo, agosto e setembro o servizo funcionará durante toda a semana. A partir do 1 de outubro e ata a ponte de decembro pasarán a funcionar só as fins de semana, a excepción da ponte do 12 de outubro, que haberá viaxes do mércores ao domingo, e a ponte de Todos os Santos, que haberá servizo tamén o 31 de outubro e o 1 de novembro.
Sara Meijide
Redactora de Radio Lugo




