Elvira Varela
A Coruña
Nestes días de homenaxe e celebración do centenario da creación das Irmandades da Fala, aquí na Coruña, quero falarlles dunha gran muller. Elvira Varela Bao, feliz nonaxenaria, que nestas datas reivindica cun especial orgullo dous daqueles fundadores da primeira irmandade: Elvira Bao e Bernardino Varela, os seus pais.
As Irmandades non son historia, son presente e futuro na experiencia vital desta gran muller.
Agora Elvira ocupa por fin moitos titulares na prensa. Afortunadamente dela saben ben dende sempre as veciñas e veciños de Labañou. Para os que non teñen a sorte de ser de aló, Elvira é a mestra, a persoa que durante os anos cincuenta, sesenta, setenta, achegou formación e sobre todo cariño a eito, nun entorno, San Roque de Afora, naquela altura esquecido de todo, no que non existía servizo social ningún. Moi perto de onde se erguían as famosas -aínda que agora ninguén queira lembralas- “Cuchiqueras de Labañou”. O entorno no que tentaban sobrevivir con dignidade os familiares dos presos políticos de moitos lugares do estado que cumprían condena no cárcere da Coruña.
Dona Elvira, a mestra, luz e tenrura no medio de tanta tristeza. Tamén ela chegou de nena arrastrada polo medo. Os seus pais cidadáns destacados naquela Coruña luminosa e Republicana. Elvira Bao, presidenta da Agrupación Republicana Feminina,mestra no Sanatorio de Oza, e Bernardino Varela secretario das Irmandades da Fala. Tras do golpe de estado, despois de ser ambos os dous detidos, para evitar a constante ameaza do terror en forma de visita falanxista, marcharon do centro da cidade, e buscaron un lugar discreto: Unha casa de altos muros en San Roque de Afora.
Conta Elvira que a súa nai botou dez anos sen saír dela. Mesmo nin se atrevía a subir á terraza.
Bernardino morreu nos corenta. Co tempo nai e filla puxeron escola, aquel entorno de escuridade e miseria foise enchendo de luz. E a casa con horta de San Roque converteuse nun paraíso. Así a lembra a súa infancia Arturo Kress, o fillo de Elvira, gran músico da cidade, autor, entre outros traballos da banda sonora do Bosque Animado.
Mais os paraísos pouco duran diante doavance dos paseos marítimos. Pero esa é outra historia. Agora cómpre felicitar e felicitármonos por poder compartir celebración con esta gran muller. Nestes días, de tanto espurio postureo, moito presta render homenaxe a unha persoa realmente admirable. Ou como dicía Castelao –ese señor tan alto con quen xogabacon Elvira de pequena na casa-“hai xente que vai para estatua, e outra que na súa modestia non hai estatua que lles chegue”.
Elvira, presenza luminosa, a reivindicar e compartir ese ideal que os seus pais crearon hai cen anos coas Irmandades da Fala.
Elvira Varela Bao, de San Roque de Afora. Moitas grazas, mestra.