Deputación e ABANCA renovan o Plan Activamos-Transforma Ourense
Este programa de crédito realizou nos seus primeiros tres anos máis de 2.600 formalizacións entre familias, autónomos e pemes ourensás.

Na imaxe de esquerda a dereita: o director territorial de ABANCA en Ourense, Rubén Saavedra, o presidente da Deputación, José Manuel Baltar e o o director de Banca Institucional de ABANCA, Santiago Novoa. / Deputación de Ourense

Ourense
A Deputación de Ourense e ABANCA dan un novo impulso ao seu programa conxunto de financiamento, o “Plan Activamos–Transforma Ourense”, coa sinatura deste acordo de colaboración, asinado entre o presidente do goberno provincial, José Manuel Baltar, e o director de Banca Institucional de ABANCA, Santiago Novoa, un novo convenio de colaboración que gaña en capacidade e impulso do desenvolvemento económico e social de Ourense. No acto, no que tamén participou o director territorial da entidade bancaria en Ourense, Rubén Saavedra, púxose de manifesto a consolidación desta iniciativa, creada polas dúas entidades en 2014 e que pecha a súa terceira edición como unha peza relevante na inxección de crédito a pemes, autónomos, familias e corporacións locais da provincia de Ourense.
O Plan Activamos–Transforma Ourense mantén o impulso na achega de crédito ás iniciativas que se xeran na provincia. O programa formalizou desde a súa creación un total de 2.627 operacións cun importe global de 77,7 millóns de euros. Máis de nove de cada dez euros concedidos por este programa destináronse a pemes e autónomos, que supuxeron 2.503 formalizacións por un importe global de 72 millóns. Desta cantidade, o plan concedeu 35 millóns a atender ás necesidade de circulante das pemes e autónomos, 29 millóns a acometer novas inversións, 6,3 millóns ao emprendemento, 0,9 millóns á creación de emprego e 0,4 millóns á mellora enerxética.
As corporacións locais tamén se beneficiaron do Plan e neste período formalizáronse un total de 33 operacións por un importe total de 4,7 millóns de euros. Este financiamento reverte directamente nos veciños destes municipios grazas á posta en marcha de proxectos dirixidos a mellorar os servizos.
As liñas de financiamento para familias do Plan Activamos-Transforma Ourense permitiron a inxección de preto dun millón de euros en crédito na provincia, principalmente para financiar pequenas obras de mellora enerxética no fogar e actividades de formación. O importe medio destes préstamos foi de case 11.000 euros.
Novidades
As principais novidades do plan son o incremento dos límites das liñas para pemes e autónomos, que se duplica ata os 200.000 euros, e a creación dunha nova modalidade para familias que queiran rehabilitar vivendas en contornas rurais.
Descubre la nueva app de Cadena SER Te ofrecemos una mejor experiencia de audio y video
DescargarEsta nova edición mantén unha ampla oferta de produtos adaptada ás necesidades dos distintos colectivos, así como tarifas competitivas ou condicións máis flexibles e vantaxosas. Un ano máis, aposta por eliminar as comisións máis habituais, introducir amplos prazos de amortización e ofrecer carencias en aquelas modalidades nas que o cliente necesita un prazo para situarse en condicións de xerar ingresos.
O Plan inxectou máis de 500 millóns no tecido produtivo de toda Galicia desde a súa posta en marcha en 2014. Trátase dunha iniciativa que financia a pemes e autónomos na posta en marcha de proxectos emprendedores, desenvolvemento de novos investimentos, creación de emprego, actuacións de mellora enerxética nos seus negocios e tamén cobre necesidades de circulante. Para as familias, ABANCA oferta a través deste programa de financiamento préstamos para a dotación de equipamento tecnolóxico, realización de actividades de formación, reformas no fogar que contribúan á mellora da accesibilidade ou a eficiencia enerxética, adquisición de vehículos eficientes e a rehabilitación de vivendas en contornas rurais. Finalmente, as corporacións locais poden optar no marco deste programa a préstamos para acometer pequenos investimentos municipais e necesidades de tesourería, sen esquecer que teñen a súa disposición avais e liñas de confirming con tarifas especiais.




