A Mesa pola Normalización denuncia a exclusión do galego na programación infantil
Só un 4,6 % da programación infantil diaria total é en galego

TVG

Santiago de Compostela
A Mesa pola Normalización Lingüística denuncia o retroceso da programación televisiva infantil en galego nos últimos anos. Só a segunda canle da TVG oferta este tipo de espazos, cunha presenza do 41,7 % de luns a venres e do 24,3 % durante as fins de semana. A plataforma considera que a televisión pública non está cumprindo coa súa función normalizadora, polo que pide á Xunta que fomente este tipo de espazos.
Segundo o informe "A situación da lingua galega na programación televisiva infantil", elaborado polo Observatorio de Dereitos Lingüísticos,só un 4,6% da oferta diaria global -un 2,7% na fin de semana- é en galego, malia as posibilidades técnicas da TDT. A Mesa propón crear unha terceira canle pública galega exclusiva para público infantil. Tamén considera que a CRTVE debe garantir a opción de dobraxe ao galego nos contidos xuvenís e infantís e insta á Xunta a que estableza acordos con outras entidades para introducir esta opción en todas as canles.
A exclusión do galego no audiovisual afecta tamén, apuntan, á continuidade de productos que xa contan con dobraxe ao galego, mesmo en series e debuxos animados que gozaron de éxito na TVG. Á hora de comercializalos en formato DVD ou App, critican, desprézase o traballo orixinal de dobraxe.




