Política
Coronavirus Covid-19

A Xunta flexibiliza os desprazamentos para os agricultores de autoconsumo

A medida apróbase tras os resultados da evolución da emerxencia sanitaria

Un home atende a sua horta de autoconsumo / Radio Ourense-Cadena Ser

Ourense

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe unha orde da Consellería do Medio Rural pola que se suavizan e flexibilizan as condicións para que os agricultores considerados de autoconsumo poidan realizar con maior facilidade os seus desprazamentos ás leiras nas que desenvolven a súa actividade. Esta norma modifica o establecido con respecto ás restricións da súa mobilidade por mor da emerxencia sanitaria do coronavirus publicadas na orde do pasado 24 de marzo no DOG.

O tempo transcorrido dende a primeira declaración do estado de alarma, e a propia evolución da emerxencia sanitaria coa implementación das medidas adoptadas durante as últimas semanas, permiten agora modificar algunha das medidas contempladas na orde publicada o pasado 24 de marzo, e singularmente aquelas cuxa incidencia non redunde nunha alteración substancial da motivación última da propia orde.

Así, a principal novidade consiste en que se elimina a anterior limitación de 500 metros para que as persoas que teñan cultivos ou viñedos considerados de autoconsumo, é dicir, con fins non comerciais, e polo tanto non desenvolvan unha actividade profesional agraria, poidan realizar os desprazamentos mínimos e imprescindibles para o mantemento e atención dos seus cultivos sempre dentro do termo municipal da súa residencia habitual. No caso de que a horta estea nun concello diferente ao da súa vivenda, permítese o desprazamento sen superar nunca os 5 quilómetros de distancia desde a casa.

Porén, mantense a restrición de que non poderá haber máis de dúas persoas na finca, as cales deberán respectar en todo momento as distancias de seguridade e demais protocolos de prevención establecidos pola autoridade sanitaria.

Así mesmo, no relativo á acreditación da necesidade de desprazamento, nas actividades agrarias consideradas de autoconsumo deberá realizarse coa presentación dunha declaración responsable que comprenda as fincas nas que leva a cabo os cultivos ou os coidados das viñas, incluíndo a identificación da parcela, así como o tipo de cultivos que realiza. No caso de tratarse de cultivos ecolóxicos, a declaración incluirá tamén que non se empregan tratamentos fitosanitarios e que, polo tanto, se carece do carné de aplicador/manipulador destes produtos. Porén, a persoa que si emprega este tipo de produtos poderá presentar tamén o carné como suplemento adicional a esta declaración responsable.

Ademais, en dito documento, a persoa deberá declarar responsablemente que leva desprazándose de xeito habitual á finca en cuestión para a realización de actividades agrarias de autoconsumo polo menos durante o último ano. Neste senso, a Administración poderá realizar as oportunas comprobacións, controis e inspeccións para verificar o contido da declaración responsable.

No caso dos agricultores e viticultores profesionais e os seus traballadores, poderán seguir efectuando os desprazamentos para a realización dos traballos necesarios de atención e mantemento dos cultivos e os viñedos. Ademais, poderán acreditar a súa condición de profesionais coa súa inscrición no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga).

Para os efectos desta disposición, terá a consideración de agricultor/a profesional, ben sexa a tempo completo ou parcial, quen estea de alta no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga). Para a acreditación do carácter de agricultor/a, que xustifique a realización deses desprazamentos, é suficiente coa inscrición da explotación no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga). Nese sentido, os axentes da autoridade poderán dirixirse ao dito Rexistro para efectuar calquera comprobación que estimen oportuna. No caso das persoas viticultoras profesionais, poderán acreditalo tamén co carné de aplicador/manipulador de produtos fitosanitarios ou coa tarxeta de rexistrado dispensada polo Consello Regulador da Denominación de orixe cando se dan de alta nos rexistros.

 
  • Cadena SER

  •  
Programación
Cadena SER

Hoy por Hoy

Àngels Barceló

Comparte

Compartir desde el minuto: 00:00