Tres Mares seguirá en Lires ata o 2056
Costa da Morte
O Ministerio de Transición Ecolóxica acaba de resolver favorablemente a prórroga extraordinaria que permitirá á piscifactoría que o Grupo Tres Mares ten en Lires continuar ata o 15 de abril do 2056
A continuidade da instalación non estaba asegurada debido á reforma da lei de cambio climático. Un asunto que xerou o enfrontamento entre goberno e oposición en Cee acusando á alcaldesa de non preocuparse pola continuidade da empresa.
Pola súa banda a Margarita Lamela critica que o único que fixo a oposición para garantir que a piscifactoría siga en Lires foi sacarse una foto de cara á galería mentres ela atopou a solución que evitará o peche e a perda de postos de traballo.
A alcaldesa asegura que, ao longo de todos estes meses, mantivo reunións coa representante legar do Grupo Tres Mares, Luz Arregui, co xefe territorial de Costas na Coruña, o Secretario de Medio Ambiente, a directora xeral de sustentabilidade da costa e do mar, a portavoz adxunta da comisión de transición ecolóxica e o deputado coruñés Diego Taibo.
Dende o concello tamén se presentou unha emenda ao artigo 18 da lei de Costas ante o Ministerio de transición ecolóxica.
Xestións que segundo Lamela tiveron como resultado a resolución favorable que permitirá á piscifactoría seguir en Lires ata o 2056.
Unha continuidade que, a pesar do cruce de acusacións, pediron de forma unánime tódolos grupos no pleno ceense.