Desmantelado un punto de venda de substancias estupefacientes próximo a dous colexios en Fisterra

Efectos intervidos / Garda Civil

O Equipo Roca da Garda Civil de Carballo en colaboración co Posto de Corcubión, a Unidade de Seguridade Cidadá ( Usecic) e a Comandancia da Garda Civil da Coruña desmantelaron un punto de venda de substancias estupefacientes próximo a dous colexios na localidade coruñesa de Fisterra no marco da 'Operación Volvoreta'.
Segundo informou o Instituto Armado, esta 'Operación Volvoreta' iniciouse por mor de "numerosas queixas dos veciños da zona ante o incremento do consumo e venda deste tipo de substancias e a sensación de inseguridade que a trasfega de compradores xeraba entre a poboación".
Tras a análise da información solicitada ao longo da investigación, os axentes lograron situar este punto, o cal se atopaba nunha vivenda da zona centro da localidade, próximo a dous colexios, concretaron as mesmas fontes.
Unha vez situado devandito punto e obtidas evidencias da suposta realización de actividades ilícitas nel, a Garda Civil solicitou á autoridade xudicial unha orde de entrada e rexistro da vivenda.
Tras a obtención da mesma, os compoñentes do Equipo Roca solicitaron a colaboración da Garda Civil de Corcubión, a Usecic e da Unidade de Guías Caninos para a súa realización, que tivo lugar na mañá deste luns pasado.
Material intervido
No transcurso deste rexistro a Garda Civil procedeu á incautación de diversas cantidades de cocaína e haxix, 4.467 euros en moeda fraccionada, diversos útiles necesarios para a manipulación e venda de substancias estupefacientes, tres ordenadores portátiles, 11 terminais de telefonía móbil e varios dispositivos electrónicos.
Ante os achados realizados na vivenda, a Garda Civil procedeu á detención dun dos moradores da mesma como presunto autor dun delito contra a saúde pública.
O detido, xunto coas actuacións realizadas e os efectos intervidos, foi posto ao dispor do Xulgado de Instrución número 1 de Corcubión.




