Zas leva ao Congreso o peche das sucursais bancarias no rural
Costa da Morte
O Alcalde de Zas, Manuel Muíño e o Deputado do BNG Nestor Rego presentan este xoves ás 12:00 horas no Congreso dos Deputados unha proposición non de lei na que se insta ao Goberno Central a regular o sector bancario e evitar así o peche de máis oficinas, como o que realizou recentemente Abanca nos Concellos de Zas, Vimianzo e A Baña afectando de forma directa a unhas 10.000 persoas.
Dende o BNG consideran que o peche das oficinas bancarias é un grave problema que está a sufrir todo o país e que se acentúa especialmente no rural. O pasado 8 de setembro, Abanca pechou varias sucursais na nosa comunidade e entre elas as de Zas, Baíñas e A Baña. No momento en que coñeceron a decisión, os rexedores destes tres municipios trazaron unha serie de accións conxuntas para evitar estes peches entre as que están a solicitude dunha reunión co presidente da Xunta de Galicia, unha xuntanza co presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias - FEGAMP -, unha concentración diante destas oficinas bancarias e unha manifestación na Coruña á que asistiron máis de 500 persoas.
“Seguimos na idea de que imos esgotar todas as posibilidades para lograr que a entidade reconsidere esta decisión polo que as accións non remataron o día 8 co peche das sucursais”, sinala o alcalde de Zas.