Sociedad
Diputación Provincial Pontevedra

O pedagogo italiano Tonucci participa na Facultade Ágora

Tonucci: "O modelo Pontevedra haino que levar a todas as vilas da provincia"

Francesco Tonucci na conferencia / Deputación Pontevedra

Vigo

“As nenas e nenos son un sensible indicador ambiental, se desaparecen das rúas significa que a cidade está enferma”. Así o asegurou este venres o pedagogo italiano Francesco Tonucci na súa participación no seminario ‘O hábitat xogable’ da Facultade Ágora da Deputación, onde subliñou que as administracións locais deben apostar por deseñar vilas na que as crianzas se desenvolvan con autonomía, evitar crear espazos específicos para elas, e traballar para reducir a velocidade e favorecer a mobilidade natural.

Tonucci comezou a súa intervención ante as preto de 200 representantes políticas e técnicas dos concellos da provincia de Pontevedra asegurando que o xogo “é a experiencia máis importante da vida”. Afirmou que é o motor de todas as aprendizaxes, mais subliñou que a día de hoxe a pequenos e pequenas non se lles dá a posibilidade de xogar ao aire libre pola desconfianza de pais e nais, porque o espazo público foi privatizado e vendido ao vehículo privado, e porque non se lles destina tempo.

Destacou que as crianzas son “un sensible indicador ambiental, como os lucecús ou as andoriñas, que cando non aparecen significa que o ambiente está contaminado. Pois se desaparecen as crianzas significa que a cidade está enferma. E as crianzas teñen desaparecido. Recuperar nenas na rúa significa facer algo necesario para elas pero tamén para nós , porque as crianzas na rúa modifican a rúa, fana mellor, obrigan aos adultos a portarse mellor, a facerse cargo deles. Os nenos e nenas producen seguridade”, salientou.

Segundo Tonucci as administracións locais non deben facer unha cidade “para ou por os nenos e nenas”, senón unha cidade coa garantía de que se é se válida para pequenos e pequenas é válida para todas as persoas sen exclusión: “mulleres, maiores, persoas con discapacidade... non só para o perfil privilexiado de home traballador”.

Foi provocador Tonucci asegurando, ademais, que as cidades serán “xogables” cando non teñan máis espazos de xogo específicos para a cativada. Indicou que alcaldes e alcaldesas poden aforrar o gasto de construír parques infantís valados e pechados, con chan acolchado, porque “son unha trampa moderna” na que as crianzas van acompañadas e a súa actividade nada ten que ver co xogo libre.

Outro dos elementos que considerou básico para a creación dunha cidade ‘amable’ é a redución da velocidade a 30 quilómetros hora, seguindo a lei que el definiu como ‘Lei Pontevedra’ por ser a primeira vila en implantar a medida antes da aprobación da normativa estatal. “Reducir a velocidade significa favorecer a presenza das persoas na rúa cun perigo máis baixo.

Crear dificultades aos movementos dos coches para favorecer o movemento autónomo é unha medida de saúde pública, é ter unha cidade que se preocupa pola súa cidadanía”, salientou.

Apuntou tamén Tonucci que os camiños escolares deben ser un instrumento que axuda a recuperar os espazos para as crianzas, pero non un fin en si mesmo, xa que o obxectivo é recuperar a cidade, podendo “e debendo” retirar as e os monitores tan pronto sexa posible. “Os camiños son unha experiencia, un truco para chegar máis alá, pero só para que as crianzas aprendan e volvan pola tarde a eses lugares a moverse libremente. Do contrario son unha equivocación”.

Para finalizar, Tonucci asegurou que Pontevedra é “mestra” en fomentar a relación entre o espazo público e o xogo poñendo primeiro ás persoas e limitando os poderes dos coches privados. “Ese modelo Pontevedra haino que levar a todas as vilas da provincia”, destacou, poñendo por diante o seu desexo de que as cidades teñan dous carteis nas súas entradas: un primeiro dicindo que é obrigado circular a baixa velocidade porque hai crianzas xogando na rúa e un segundo prohibindo os deberes.

 
  • Cadena SER

  •  
Programación
Cadena SER

Hoy por Hoy

Àngels Barceló

Comparte

Compartir desde el minuto: 00:00