Love of Lesbian presentan en Vigo 'V.E.H.N.'
A actuación será o mes que vén
Vigo
Despois dun mes de outubro no que o Auditorio e Palacio de Congresos Mar de Vigo recuperou a intensidade da súa programación cultural previa á pandemia, coa celebración da primeira edición do Festival Bluefest e as localidades esgotadas nas dúas funcións de "Recuérdame, el Musical de Coco" as estreas de discos e concertos exclusivos animan o peche da axenda de 2021 e anticipan un 2022 realmente prometedor.
A primeira gran confirmación será a actuación de Love of Lesbian na noite do sábado 11 de decembro, no que supón o seu regreso a Vigo despois de que no verán de 2020, arrasaran no Festival TerraCeo, a onde chegaron cun formato reducido, e esgotaron en poucos días todas as entradas nas dúas actuacións programadas. A actuación de Love of Lesbian súmase ás xa anunciadas no Mar de Vigo de Los Zigarros, Mikel Erentxun e The Eels.
A banda catalá é unha das bandas de referencia, creadora dalgúns dos mellores himnos do indie nacional e o grupo español con máis proxección en Latinoamérica ata o momento. En activo desde 1997 e con nove álbums de estudo ás súas costas, presenta este ano unha xira exclusiva de Auditorios e ofrecerán no Mar de Vigo un dos primeiros concertos enmarcados na xira de presentación do seu novo traballo ‘V.E.H.N. (Viaje épico hacia la nada)’, a esperada continuación do exitoso ‘El poeta Halley’, o disco co que ademais foron nominados aos Grammy Latino en 2017.
Pero antes, a semana que vén celebrarase una nova edición do ciclo de concertos Momentos Alhambra Acustiquísimos. Será na súa Edición Atlántica 2021, os días 12 e 13 de novembro, cun gran cartel: Travis Birds e Mr. Kilombo. Serán dúas sesións irrepetibles, en formato íntimo e para público reducido no hall do Mar de Vigo,, que servirá como carta de presentación das últimas novidades discográficas dos artistas. Ademais, estarán acompañados pola ilustradora Eva Agra, que plasmará sobre o papel cada actuación.