A Toxa, unha illa con historia termal
Vermú con SER - A Toxa, unha illa con historia termal (16/01/2022)
38:21
Compartir
El código iframe se ha copiado en el portapapeles
<iframe src="https://cadenaser.com/embed/audio/460/1642348517265/" width="100%" height="360" frameborder="0" allowfullscreen></iframe>
Pontevedra
Neste Vermú con SER achegámonos á Illa da Toxa para coñecer a súa historia e contarlles como unha illa cuberta de toxos, sen árbores e semellante a un páramo (así a describiu Eduardo Pondal a mediados do século XIX) se converteu nun referente europeo a principios do século XX grazas ó descubrimento das augas termais.
Adentrámonos, co investigador e divulgador Francisco Meis, no legado oral e escrito que deixaron os nosos antepasados para contarlles a realidade dunha illa que, co tirón do turismo termal, visitaron personalidades como Emilia Pardo Bazán, Gabriel García Márquez, Julio Iglesias, Pedro Almodóvar ou Ortega y Gasset entre outros.
"Estas augas non se descubriron no século XIX, seguro que xa foron aproveitadas polos veciños da illa desde séculos anteriores e non me extrañaría que se empregasen desde a época romana", sinala Meis. Sen embargo, hai que agardar ata mediados do século XIX para empezar a falar das augas minerais. Antonio Casares, un dos grandes químicos de Galicia, foi o primeiro que analizou as augas da Toxa, detectando minerais como magnesio, sodio, ferro e calcio.
Paralelamente a estas indagacións, aparece a lenda do burro enfermo que despois de ser abandonado na Illa da Toxa, apareceu completamente curado. A propia Emilia Pardo Bazán relata esta historia na revista 'La Ilustración Artística de Barcelona' en 1899. "Esta lenda ten unha base real que se contrastou hai pouco" sinala Francisco Meis entusiasmado, engadindo que "a partir de ahí a xente empezou a usar as augas". Comenta o investigador que a mesma Pardo Bazán reivindicou por escrito a creación dunha estatua na honra do burro. Precisamente este ano, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, comprometeuse a facer o posible por cumprir a petición da escritora.
A primeira sociedade que vai a explotar como negocio as augas termais fundouse no 1841, coetánea ao primeiro balneario da illa. Estaba constituida por catro socios: un notario de Sanxenxo e un cura de Dodro, que aportaban os bens; e dous inversores de capital que rexentaban a fábrica de Sargadelos. Esta sociedade acabou entrando en crise coa morte de varios dos seus constituintes deixando as propiedades moi divididas.
Ante esta crise da sociedade, aparece a figura de Luis Mestre Roig, un indiano que se fai con parte da sociedade e pasa a ser o seu administrador por sentenza xudicial, véndose obrigado a poñer á venda o balneario en 1880. Tales eran os enfrontamentos entre as partes que ninguén se ocupaba de manter as propiedades da Toxa, polo que o Ministerio se veu obrigado a incautar o balneario.
Neste momento entra en xogo o primeiro Marqués de Riestra que, con man directa no Goberno, convence a todas partes a que vendan as propiedades a unha nova sociedade. "Milagrosamente, no momento en que se firma a última escritura, o balneario pasa a ser titularidade desta nova sociedade creada en 1903" sinala Meis. "Esto supón un punto de inflexión total, pasamos de ter un balneario medianamente coñecido a ser outro modelo turísticamente diferente. Ese é o gran salto da Toxa ao exterior". Esta época de bonanza da illa supón a construcción do Gran Hotel, a fábrica de xabóns, a capela e, posteriormente, a emblemática ponte.
O Gran Hotel
Inaugurado oficialmente en 1908 e construido por un dos grandes arquitectos galegos, Daniel Vázquez Gulías, sufriu unha gran reforma a mediados do século XX. Despois de que a familia dos Riestra se quedase sen liquidez polo 'crack' do 1929, Pedro Barrié de la Maza merca o Gran Hotel. Con visión empresarial, emprende unha profunda reforma pasando de 73 habitacións a case 200, cambiando totalmente a estética do hotel. Por sorte, mantívose intacta a estructura interior así como a escaleira imperial. Ademáis, no balneario do hotel consérvase, como peza de museo, unha única bañeira de mármore dun dos antigos balnearios. Foi un dos primeiros 'resorts' turísticos de Europa que contou con campo de golf e pista de tenis.
A Capela
A capela tamén foi construida por Daniel Vázquez Gulías, no ano 1909. De estilo bizantino e abocada á Virxe do Carme, o segundo Marqués de Riestra deuse conta dun problema de humidades na súa fachada sur. Anselmo Millán, un albanel do Grove, propúxolle como solución un método tradicional inventado no concello meco: imbricar a capela, é decir, recubrila de cunchas de vieira para que a choiva esvare. Tanto lle gustou a proposta ao Marqués, que apostou por recubrir de cunchas toda a capela na década de 1940.
A Ponte
A ponte que une o Grove coa Illa da Toxa empezouse a construir no 1909. A empresa bilbaina Cementos Portland de Sestao foi a encargada de facer esta obra emblemática. Non é a máis grande do mundo nesa época nin mide 400 metros, como tantas veces se difundiu. O que sí é certo é que foi unha das primeiras pontes construida en España destas características.
O mestre de obras foi Paulino Clérigo. O seu neto, José Luis Clérigo, recordounos a súa figura, lembrando emocionado a primeira vez que cruzou a ponte que construíu o seu avó. "En casa se habla del puente del abuelo" rememora orgulloso José Luis.