Directo

ENTREVISTA RODRI Sigue en directo la entrevista en 'El Larguero' a Rodri, el ganador del Balón de Oro

La Guía Gastronómica de Vigo
Gastro | Ocio y cultura

30 anos presumindo de viño

A Feira do Viño do Rosal celebra en outubro a súa trixésima edición con un gran número de actividades e nunha contorna renovada

Entrevista a Ánxela Fernández, alcaldesa de O Rosal, sobre la XXX Feira do Viño do Rosal

O Rosal

A Feira do Viño do Rosal prepárase para celebrar as súas tres décadas de vida cun evento no que haberá unha morea de actividades para todos os públicos nunha contorna única. “Trinta anos non se cumpren todos os días. E queremos facelo por todo o grande, cunha morea de actividades para todos os públicos, na renovada Praza do Calvario e retomando esa convivencia que tanto botabamos de menos na pandemia”, salientou a alcaldesa, Ánxela Fernández, durante o acto de presentación, que contou coa participación do presidente da Cofradía Cabaqueiros do Viño do Rosal, Enrique Costas, e de numerosos representantes das adegas e empresas participantes na feira.

Vólvese a unha feira presencial na que a gastronomía e as exposicións tamén se sumarán como elemento esencial e na que se contará de novo cun pregoeiro de altura, o valenciano Pedro Ballesteros, o primeiro español Master of Wine, enxeñeiro agrónomo con mestrado en Viticultura e Enoloxía e unha das persoas que máis saben de viño no mundo. El dará o pistoletazo de saída á feira o venres 7 cunha cata ás 12.30 h e co pregón durante o acto inaugural ás 20.00 h. O concerto de Moon Cresta porá o peche á primeira xornada.

Xa o sábado 8 as casetas abrirán ás 11.30 horas para dar paso ás 12.00 h ao showcooking dos chefs Iván Méndez e Álex Iglesias no marco do proxecto de cooperación transnacional Eurochef, do que forma parte Eu Rural. Ás 13.30 h haberá un concerto lixeiro con Blues do País ao abeiro do proxecto Música e Viño no teu Camiño, promovido por Eu Rural dentro do programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia. Pola tarde é a quenda dos máis pequenos, que desfrutarán da maxia co Mago Paco ás 17.00 h. Logo virá un clásico da feira, o grupo de gaitas Airiños do Folón, que deixarán paso ao concerto de peche da xornada, o do grupo Broken Peach.

O domingo 9 o día arranca cos xogos da empatía, “porque somos terra de viños, pero tamén de inclusión. Con estes xogos porémonos todos e todas do outro lado e comprobaremos como é xogar ao baloncesto en cadeira de rodas, xogar á petanca a cegas por parellas, correr cos ollos pechados... Todo un reto e unha forma de sensibilizar a toda a veciñanza”, explicou a rexedora. O concerto lixeiro das Pandereteiras Tremelique ás 13.00 h acompañará ao público mentres se toma un bo viño do Rosal. O broche de ouro da Feira correrá a cargo de Awen, que ofrecerá un concerto a partir das 20.00 h.