Inaugurase unha nova edición da Mostra de encaixe de Camariñas que este ano terá máis moda e máis desfiles
Camariñas
Empeza a 33ª edición da Mostra de Encaixe en Camariñas coa presenza de Valentín González Formoso Presidente da Deputación da Coruña, a administración que máis aporta ao evento. Tamén estarán o delegado da xunta Gonzalo Trenor e a Subdelegada do Goberno María Rivas.
O acto de inauguración será ás 4 e media. Pero a mostra estará aberta xa dende as 3 da tarde, momento no que se iniciará o encontro de encaixeiras, como sempre con delegacións nacionais e internacionais.
O primeiro desfile será o do PequeEncaixe, ás 6 da tarde, e dará paso aos de grandes deseñadores entre os que estarán José Matteos, Modesto Lomba, Dolores Cortés ou Sara Lage. Non faltarán os desfiles do concurso de noveis deseñadores que tódolos anos deixa propostas innovadoras. Unha das novidades será o novo desfile, bautizado como ReEncaixando, no participarán 15 rapaces e rapazas que formaron parte do Concurso de Noveis Deseñadores na pasada edición da Mostra.
No ArtEncaixe poderán verse coleccións de Suso Calo e Estilo Aramar, que repiten no evento, e Ondas do Mar, unha firma local que se estrea este ano. Haberá outras propostas como as de Arteviares, especializada na artesanía en vidro, e Janet Schulz, que traballa cos tocados de noiva. Nesta edición participará tamén o alumnado da escola de Arte Superior Mestre Mateo e os oleiros de Buño.
Entre as actividades paralelas destaca o monólogo de Xosé Antonio Touriñán na tarde do Sábado ou as presentacións literarias de Ainhoa Conde, Ana de las Heras e Alfonso de Sas con Galicia e o mar como contexto nas súas obras.